O persoal médico mantén a folga o 9, 10 e 11 de abril

Feixoo afirma non ter constancia de conflitos na Atención Primaria

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo. Foto: cedida.

Malia que a Coordinadora Galega de Atención Primaria mantén a convocatoria de folga para os vindeiros 9, 10 e 11 de abril, o presidente da Xunta asegura “non ter constancia” de que exista “un conflito”. Afirmouno esta quinta feira á saída do Consello de Goberno.
 

Alberto Núñez Feixoo presumía do acordo acadado a cuarta feira entre a Consellaría de Sanidade e tres sociedades científicas de medicina de Galiza -SEMG Galiza, Semergen Galiza e AgamFEC-e mais o Consello Galego de Médicos. Para o presidente da Xunta, quedaba así desactivado un dos principais focos de tensión da sanidade pública.

 

Mais a Coordinadora Galega de Atención Primaria disinte. Esta quinta feira anunciaba que mantiña a convocatoria de folga para o 9, 10 e 11 de abril. “As xuntanzas coa Xunta foron unicamente para dividir o colectivo”, afirman, e encadran nesa estratexia gobernamental o pacto da cuarta feira.

 

Feixoo, porén, xa construíu o seu relato. “Todas as sociedades científicos e colexios médicos están a favor das 175 medidas aprobadas polo Goberno galego para mellorar a Atención Primaria”, afirmou.

 

A sanidade pública estalou nunha vaga de protestas nos últimos meses. Dez anos de recortes orzamentarios e reorganización dos servizos deixan ver as súas consecuencias non só na Atención Primaria, senón tamén nas ambulancias ou nas Urxencias.