Incendio en Ponte Caldelas

“Foi un tsunami, algo fóra do común, peor, peor, peor que o lume de 2006”

Parada (Ponte Caldelas) na mañá de hoxe

Recollemos, de primeira man, os testemuños de familias afectadas polo incendio que arrasou o lugar de Parada, no concello de Ponte Caldelas (comarca de Pontevedra). Hai danos materiais –casas deshabitadas, coches, tractores e galpóns, alén das fincas– e feridas e feridos leves.

Ten 67 anos e a súa voz segue implacábel. Non a apaga nin o lume que onte desolou Parada, un lugar de Ponte Caldelas. María aténdenos ao outro lado do teléfono para nos relatar como só tres persoas conseguiron salvar dúas casas do incendio. “Ás 21.30h deiteime. Non había lume por aquí perto, mais apenas unha hora despois sentín as badaladas de Taboadelo [a parroquia situada ao outro lado do val] e saín fóra da casa. O incendio estaba chegando e empecei a mollalo todo coa mangueira”, lembra. Ao pouco, nai, filla e xenro xuntáronse para lle facer fronte ao que ela chama un “tsunami”.

 

“Foi un tsunami, algo fóra do común. Rápido, rápido que non daba tempo a nada. É como cando rompe unha botella e se espalla todo o líquido do interior. Facía un ruído... como tiraba aquel vento. As árbores estalaban, parecía que houbese unha mina e estivesen botando todo abaixo”, di María. Insiste en que “non era cinza o que caía, nin muxicas; eran directamente anacos de troncos gordos cargados de lume. Entre miña filla, meu xenro e eu fixémoslle fronte. Aquí non había nin bombeiros, nin protección civil nin nada”.

 

"As lumaradas eran máis altas que o tellado da casa do lado cando o lume prendeu nas canas indias, que parecían foguetes a estalar"

 

“Botabamos auga aquí e alí, polo mato de abaixo... as lumaradas eran máis altas que o tellado da casa do lado cando o lume prendeu nas canas indias. E iso que estaba todo limpiño. Parecían foguetes, estalaban. Todo o ceo ardía e cando se calmou un pouco caía unha especie de bágoas, como os foguetes de cores. Eu tirei de forza de vontade e botei auga onde ían dar aquelas brasas. Prendían por todas as partes: o xardín, a caseta de madeira na que enredaban as nenas... por todo”, afirma, aínda apurada.

 

“Nada que ver co lume de 2006”

 

Preguntámoslle se foi peor que o lume de 2006 que tamén afectara Parada. Daquela, un retén de bombeiros e ducias de veciñas e veciños e familiares conseguiran salvar as casas e as fincas. “Nada que ver. Foi peor, peor, peor. Por baixo do fume non se vía nada, nin luces nin nada. E iso que foi antes de que saltase a luz, porque estivemos sen electricidade até hoxe ás 11h”, relata. “A viña quedou chamuscada, e os pexegueiros, maceiras, pereiras...”, engade.

 

"Saquei forza de onde non había, molleime eu, mollei todo, porque parece que a roupa ardía. Todo queimaba"

 

María fai inventario do que ardeu na aldea: “todo o monte e a meirande parte das fincas, pero tamén as casas deshabitadas que hai onde a capela. A Laudina ardeulle o tractor coas alpacas e ao panadeiro –cuxa parcela linda coa súa– queimóuselle o galpón e unha furgoneta de reparto”. “Os cans cagaban co medo e os gatos miañaban a dios. A min fáltanme dous ou tres gatos, xa non sei. Só sei que saquei forza de onde non había, molleime eu, mollei todo, porque parece que a roupa ardía. Todo queimaba. Xa non sabía que facer”.

 

Hoxe o ollo dereito non deixa de chorarlle. Teno inchado e semella infectado, “bater sei que non batín contra nada, mais foi do fume, teño areas nos ollos”.

 

“Ardeu todo, foi un inferno”

 

Dolores (26 anos), filla de María, cóllenos o teléfono  emocionada, “miro cara ao Monte do Lombo e cáenme as bágoas. Xúrocho. Ardeu todo, foi un inferno”. “Se non é pola colaboración veciñal, non se salvaba unha casa, pero canta perda hai na aldea! Tractores, coches, galpóns... foi un masacre”.

 

“Se non é pola colaboración veciñal, non se salvaba unha casa, pero canta perda hai na aldea! Tractores, coches, galpóns... foi un masacre"

 

“Cando ía correndo desde á miña casa á de meus pais caíanme refugallos das árbores que ardían. Víñanme á cara co vento. Nin muxicas nin cona bendita, eran pólas enormes que prendían en todo canto tocaban”. Non sufriu danos, mais si o seu home, con queimaduras leves nos brazos. Unha das súas fillas pasou a noite vomitando e co inhalador, “está moi sensíbel”. Enseguida cita os animais, “as galiñas estaban todas nun recuncho do curral, unhas sobre outras. Se non chegamos a abrirlles despois de que o lume arrasase todo o redor do galiñeiro, morren afogadas”. “Foi dios que nos puxo a man por diante”, despídese.

 

Unha estrada sen destino

 

Foi imposíbel entrar na aldea até pasadas as 2h30. Todos os accesos estaban ora impracticábeis, ora cortados por axentes da Garda Civil. Ducias de vehículos ficaron atrapados en Tourón, a aldea máis próxima, tamén afectada polo lume. Cando puideron entrar na aldea, alumearon, como puideron, con lanternas e teléfonos móbiles. Ardera parte do tendido eléctrico. As casas que conseguiron salvar as veciñas e veciños estaban ateigadas de fume, “abríusenos unha fiestra co vento, ou quizais coa calor, e á noite era irrespirábel; todo o baño estaba negro e fóra víase un espectáculo horríbel”, di unha das veciñas que ficaron fóra da aldea até que abriron unha das estradas, “a nosa casa non ardeu de casualidade, foi grazas a María, Dolores e Javi. Canto arriscaron. Non sei como lles vou pagar!”. “A finca é do menos, conseguiron até salvar as galiñas e as ocas”, agrega.

 

“A nosa casa non ardeu de casualidade, foi grazas aos veciños Canto arriscaron. Non sei como lles vou pagar"

 

Unha vez amenceu o día, a estampa foi desoladora, “desde o refuxio de Pescadores do Verduxo, en Soutomaior, até Ponte Caldelas está todo negro, a un e outro lado da estrada”, narra outra veciña. De feito, o lume queimou os arredores do centro de ensino e do instituto de Ponte Caldelas. Até ardeu parte do aparcadoiro dunha superficie comercial, no centro da vila. Hai focos que seguen activos e a terra fumega. Seguen a sentirse árbores caer a cada pouco. Seguen estalando.