Piden investigar no Parlamento a xestión da Covid nas residencias

Concentración de familiares e usuarias da residencia DomusVi de Aldán.
Familiares e usuarias de residencias e da dependencia piden a creación dunha comisión de investigación no Parlamento da Galiza que axude a esclarecer que pasou nos centros de maiores. Máis que un castigo, aseguran, queren que se corrixan os erros para que "os nosos maiores poidan estar máis tranquilos".

A Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE  vén de solicitarlle ás forzas políticas con representación no Parlamento da Galiza a apertura dunha comisión de investigación que determine "que foi o que pasou nas residencias galegas" nos meses máis duros da pandemia.

"Queremos respostas", afirma Xosé Bernárdez Solla, secretario de REDE e presidente de Vellez Digna. "Por que nas residencias privadas houbo 24 veces máis posibilidades de morrer de Covid-19 que nas públicas? Por que se lle negou ás persoas que máis o necesitaban a opción de ir a un hospital? Por que houbo unha mortaldade tan alta nos centros de maiores? Non podemos obviar nada do que sucedeu porque estariamos enviando a mensaxe de que as residencias poden facer o que queiran, e non é así", incide.

Bernárdez Solla confía en que a comisión prospere malia a maioría absoluta do PP. "Se se nega, con todo o que pasou, será que ten algo que ocultar, mais vai quedar en evidencia", advirte. 

Corrixir erros

Máis que un castigo, aseguran desde REDE, o que buscan é que se determine "onde estiveron os fallos para podelos corrixir, porque en pouco tempo podemos vernos nas mesmas outra vez". Nas residencias, din, segue habendo escaseza de persoal e "todo o sacrificio recae sobre as familias", privadas de visitas.

Investigación de oficio

Doutra banda, REDE volve insistir nunha demanda que xa lle trasladou á Fiscalía no pasado. "É necesario que abra dilixencias de oficio. Despois de tantos mortos e de indicios suficientes que apuntan a que moitas persoas faleceron por unha simple cuestión de aforro económico, entendemos que a Fiscalía debe investigar de oficio para esclarecer o que pasou", sinala Bernárdez Solla, quen avanza que seguen traballando para presentar unha demanda civil colectiva que aclare a xestión da pandemia nas residencias.