Netanyahu sobre a Flotilla: "Sacudiremos eses barcos"

[Imaxe Pablo Miranzo]

Os buques navegan rumo a Gaza. O primeiro ministro israelita ameazou a campaña internacional.

 

Os buques que compoñen a Flotilla da Liberdade encetaron o último tramo da rota cara á Palestina. Navegan en augas internacionais após a saída da última embarcación que foi retrasada por razóns loxísticas.  

Após uniren "os barcos nun punto no medio do mar" do que desoñecen a localización exacta por razóns de seguridade, continuarán cara augas exipcias e, desde alí, a Palestina. 

Netanyahu: "Sacudamos eses barcos, non os aceptaremos"

Este tramo será o máis arriscado pola proximidade do Estado de Israel. Neste senso, as declaracións do primeiro ministro israelita, Benjamin Netanyahu, non resultan nada alentadoras. Malia a solidariedade internacional e humana que empurra a III Flotilla, o mandatario sionista afirmou que "sacudiremos eses barcos" para impedir o seu acceso á costa gazatí. 

Na Asemblea da axencia xudía Netanyahu asegurou que "en ocasións anteriores tería dito, non sacudas eses barcos mais agora digo: sacudamos eses barcos!". "Non os aceptaremos", sentenciou. 

En conversa telefónica con Sermos desde o Marianne, Miranda asegurou que malia as ameazas israelitas "todo o mundo está comprometido" coa tarefa da campaña internacional polo que agarda que a "presión" mediática, política e diplomática, impida calquera agresión á Flotilla. "Estou convencida de que imos chegar", asegurou. 

O buque no que navega a respresentante galega, un barco mariñeiro con bandeira Sueca, conta con todos os permisos para transitar por augas internacionais. Porén, semella que iso pode non ser impedimento para as hostilidades israelitas após o asalto ao Mavi Marmara en 2010 onde foron asasinadas 10 persoas da campaña Rumbo a Gaza. 

Nesta III Flotilla activistas, imprensa e representantes polític@s amósanse tranquil@s e prepáranse para "calquera situación". Neste senso, reciben instrución de "resistencia pasiva" durante "dúas horas ao día". "Nós non nos imos enfrontar, isto é unha Flotilla pacífica", explica Ana Miranda, embora recoñecer que o Estado de Israel "non anda con bromas".