Unha galega rumo a Gaza

[Imaxe BNG]

A secretaria de Política Internacional do BNG e portavoz da organización frontista en Bruxelas, Ana Miranda, embarcará na III Flotilla da Liberdade no último tramo da campaña até a Faixa. 

 

Ana Miranda, responsábel de Política Internacional e portavoz en Bruxelas do BNG, fará parte da tripulación que viaxa na Flotilla da Liberdade rumo a Gaza. 

Así o comunicou esta terza feira (16 de xuño) en comparecencia de imprensa xunto a Elvira Souto, integrante de BDS-Galiza. Miranda embarcará no último tramo co obxectivo de rachar o bloqueo e acceder á Faixa por mar. 

Na súa comparecencia, Ana Miranda sinalou o "elevado risco" da misión humanitaria co acontecido co Mavi Marmara en 2010 cando foron asasinadas 10 persoas. A voceira do Bloque en Bruxelas e vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE) instou Israel “a non caer na belixerancia e na agresividade de anteriores campañas da Flotilla, que provocou incluso mortes e lle impediu levar a cabo a súa misión de axuda á castigada poboación palestina”. 

Neste senso, reclamou “respecto aos dereitos humanos e que abra a porta ao recoñecemento do estado palestino, algo que xa están a facer numerosos estados europeos e que figura en resolucións da ONU”.

Os catro buques que compoñen a Flotilla da Liberdade agruparanse nun punto do Mediterráneo en vindeiras datas para, desde alí, emprender a viaxe a Gaza. Ana Miranda, xa participara no tramo que uniu os portos de Bueu e Lisboa

Nesta última etapa, estará acompañada, entre outras persoas, pola relixiosa e activista Teresa Forcades.