Flores para lembrar as vítimas galegas

Acto de homenaxe íntimo na Caeira, Poio, no lugar en que foi asasinado Alexandre Bóveda en 1936 (Imaxe: Nós Diario)
O mal tempo impediu que este 17 de agosto se levaran a cabo a maioría dos actos programados no país con motivos do Día da Galiza Mártir. Con todo, monumentos en lembranza das vítimas do franquismo foron adornados con flores e institucións como a Deputación de Lugo solicitaron dar carácter oficial á data en toda a Galiza. 

A imposibilidade de compatibilizar a realización de actos ao ar libre e a distancia física coa adversidade meteorolóxica obrigou a Fundación Alexandre Bóveda, a entidades sociais, formacións políticas e institucións a adiar os actos de homenaxe ás vítimas do franquismo nun 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, pasado por auga.

Esta data recorda o asasinato do intelectual e dirixente do Partido Galeguista Alexandre Bóveda na Caeira (Poio) en 1936. Precisamente, ese mesmo lugar en que foi asasinado e onde hoxe se atopa o monumento ergueito no seu recordo, era o emprazamento elixido para levarse a cabo o acto institucional do Concello de Poio e da Fundación Alexandre Bóveda. Con todo, e a pesar da suspensión dos eventos, si se realizou unha homenaxe íntima en que se puxeron ramos florais aos pés do monumento. Acudiron en representación da familia Amalia e Valentín Bóveda, tamén presidente da Fundación Alexandre Bóveda. Ademais, depositaron flores en representación do concello de Poio, o seu alcalde Luciano Sobral e a concelleira Margarida Caldas; polo concello de Pontevedra o rexedor Migel Lores e mais a edila Eva Vilaverde; e en representación da Deputación de Pontevedra María Ortega, responsábel de Memoria Histórica. 

Xa á tarde, a familia Bóveda achegouse ao cemiterio de Santo Amaro, en Pontevedra, para render homenaxe ao nacionalista. Alí estaba programada facer a entrega do premio "Galiza Mártir" a título póstumo a Antonio Nores, finado recentemente e cun extenso traballo polas vítimas do franquismo a través de entidades como a Asociación de Memoria Histórica de Cangas. O premio será entregado nos vindeiros días. 

Institucionalizar a data 

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pretende institucionalizar o Día da Galiza Mártir e, para tal obxectivo, programou este 17 de agosto en Sarria unha ofrenda floral, unha conferencia do historiador Rafael García e un concerto a cargo de Raiceira.

O responsábel de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, o nacionalista Efrén Castro, sinalou que o que pretenden é "que este día estea institucionalizado" para falar "de memoria histórica" e que "en toda Galiza" se aproveite a data para recordar as e os "mártires que tanto fixeron porque vivamos nunha democracia". Lembrou o deputado provincial que aínda son moitos "os corpos que fican nas cunetas" e moitas "as medallas e recoñecementos institucionais de asasinos que hai que retirar".

O BNG volve pedir a anulación do xuízo 

“Resulta rechamante que 45 anos após a morte do ditador Francisco Franco aínda non fose anulado o proceso militar sumarísimo en que Bóveda foi condenado a morte por demócrata e nacionalista”, salientou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

Desta maneira anunciou que a súa formación presentará de novo na Cámara Baixa unha proposición non de lei para que o Goberno estatal actúe para lograr a anulación do proceso e da condena a morte do líder galeguista. Xa no ano 2006 foi aprobada no Congreso unha iniciativa presentada polo deputado Francisco Rodríguez (BNG), mais non foi executada polo Goberno. Nove anos despois, en 2015, coa Lei de Memoria Histórica xa aprobada, o Goberno español expediu unha Declaración de reparación e recoñecemento persoal de Bóveda como vítima do franquismo, pero, indicou o BNG, "o Goberno español continúa sen actuar para lograr a anulación formal de todos os consellos de guerra practicados polos militares fascistas" e, entre eles, "o que condenou a morte Bóveda". 

O BNG suspendeu pola choiva o seu acto nacional en Pontevedra, mais a líder nacionalista Ana Pontón quixo reivindicar na data que "a gran vitoria de Bóveda é a existencia dun forte movemento nacionalista galego”. O BNG, dixo Pontón, representa o nacionalismo do século XXI "co legado da  tradición do Partido Galeguista que defendía un futuro digno para todas as galegas e galegos".

Pola súa banda, a formación En Marea enviou un comunicado homenaxeando Alexandre Bóveda e emprazando as novas xeracións a "seguir loitando polos dereitos e prosperidade da Galiza". 

Os actos continúan no país estes días, como o do BNG o 20 de agosto en Compostela para lembrar Ánxel Casal e María Miramontes, o  22 en Agolada, organizado pola Eira da Xoana; ou no Barqueiro, organizado por Nordés, tamén o 22.  

Homenaxes e placas en varios concellos da Galiza reivindican a memoria galega

O vello cárcere de Lugo acolleu a homenaxe organizada polo concello desa cidade. A edila de Cultura, Maite Ferreiro, afirmou que “hoxe mantemos viva a memoria de todas as persoas que foron asasinadas por defender os seus ideais”.

Na Baña, a Asociación Afonso Eanes descubriu unha placa en memoria da veciñanza asasinada polos franquistas e inaugurouse a exposición Santiago de Compostela 1936. O BNG de Oleiros tamén lembrou con flores as vítimas.