Ampliadas a 6 persoas as reunións de non conviventes en interiores e a 10 en exteriores

Terrazas dos restaurantes de Compostela. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O presidente anunciou as novas medidas adoptadas polo comité clínico, como o aumento da capacidade ao 75% en comercio, xuntanzas académicas, culturais e profesionais.

Núñez Feixoo anunciou hoxe, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, que se ampliaban as xuntanzas en interiores de 4 a 6 persoas non conviventes e en exteriores de 6 a 10. Con todo, seguen vetadas reunións de non conviventes de 1:00 a 6:00

O presidente informou desta novidade, que tamén inclúe o aumento da capacidade, que con carácter xeral para toda Galiza -agás para concellos en nivel alto de restricións ou máximo- pasará do 50 ao 75%. 

Concretamente, este aumento de capacidade afecta o comercio, reunións profesionais, culturais e académicas. O criterio básico é manter a distancia de seguridade nuns 1,5 metros.

En canto ás residencias, amplíanse as saídas.

Fechamentos

A Consellaría de Sanidade comunicou esta terza feira que o fechamento perimetral que pesaba sobre Lobios amplíase á Pobra do Caramiñal e Mos nos próximos días. O acordo sae do encontro coas expertas e expertos do comité clínico que asesora sobre a situación epidemiolóxica da Covid-19, no que se esperaba a aprobación de cambios nas reunións, mais de momento non se comunicou nada ao respecto.

No nivel alto de prohibicións, que non impiden saír e entrar dos termos municipais pero si supoñen cambios en cuestións como o servizo da hostalaría, ficarán Ribeira, Moraña, Ponte Caldelas, Ordes e Viveiro.

Así mesmo, no chanzo medio alto decidiuse situar as localidades do Barco de Valdeorras, Moaña, Ponteareas, Cambados, Bueu, Boiro, Rianxo, Cee, Xove, Cervo, Vilalba e Monforte.

Detéctase unha baixada nos chanzos máis elevados, polo que o resto permanecerán no nivel medio-baixo de risco. Todos estes cambios serán efectivos a partir da medianoite do sábado 29.