Xustiza

A Fiscalía ve materia penal na licenza concedida pola Xunta para a mina de San Finx

Vista área da mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia) e da súa balsa de residuos. (Foto:Ecoloxistas en Acción).

Ángel Bernardo Tahoces volveu esta quinta feira aos xulgados de Compostela como investigado para responder sobre as súas responsabilidades na licenza concedida para a mina de San Finx (Lousame). As autoridades xudiciais observan materia penal e as pescudas da Fiscalía apuntan a novos investigados.

O xerente da Axencia da Industria Forestal da Xunta da Galiza, Ángel Bernardo Tahoces, acudiu na mañá desta quinta feira aos xulgados de Compostela en calidade de investigado polos supostos delitos cometidos na tramitación da licenza de actividade da mina de San Finx, en Lousame, (comarca de Noia), na súa etapa como director xeral de Enerxía e Minas da Consellaría de Economía e Industria. Neste caso, tamén están citados dous funcionarios dese mesmo departamento, un deles xefe de servizo de Enerxía e Minas na Delegación do Goberno galego na Coruña. Porén, os tres investigados negáronse a declarar diante da xuíza e limitáronse a contestar as preguntas formuladas polo seu avogado.

Ángel Bernardo Tahoces xa fora investigado por este procedemento. Así, en maio de 2019 vírase obrigado a prestar testemuño nos xulgados da capital da Galiza por un presunto delito de prevaricación ambiental, en relación coas autorizacións administrativas para a reapertura da mina de San Finx. Porén, a acusación foi sobresaída a finais de 2022, mais en abril de 2023 a Audiencia da Coruña obrigou a continuar coa instrución, logo de observar materia penal na actuación do ex director xeral de Enerxía e Minas.

A mineira de Sacyr

A Fiscalía acusa Bernardo e os seus dous subordinados de concederen en 2016 unha autorización para explotar a mina de San Finx prescindindo do procedemento legalmente estabelecido. Concretamente, a empresa favorecida por esta decisión foi Tungsten San Finx, unha compañía integrada en Valoriza Minería, propiedade do grupo Sacyr, unha das maiores construtoras do Estado, coñecida pola súa proximidade ao Partido Popular e por aparecer citada polo ex tesoureiro da organización Luis Bárcenas como unha principais doantes da formación. A investigación aberta pola Administración de xustiza contra Bernardo advirte dun posíbel delito de “falsidade documental”. Ao tempo, destaca que o anterior responsábel de Enerxía e Minas da Xunta da Galiza librou a filial de Sacyr de presentar un estudo de impacto ambiental para conseguir a licenza de actividade e evitou que a concesionaria se fixese cargo da xestión das antigas balsas mineiras, que acumulaban material moi perigoso e ameazaban, pola súa proximidade, a actividade pesqueira e marisqueira na ría de Noia.

Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, unha das entidades que denunciou ante a Xustiza os responsábeis da Xunta da Galiza por este caso, sinala a Nós Diario que “o Goberno galego pretendía beneficiar a empresa concesionaria tentando facer pasar a balsa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo”. Neste sentido, lembra que a balsa “foi construída pola empresa mineira en 1939 como depósito de lodos" e que "apareceu nos plans oficiais de labores até que se deixaron de presentar no ano 2000".

López asegura que “evitando recoñecer que se trataba dunha presa de residuos mineiros, os imputados tentarían eludir as responsabilidades da empresa concesionaria, que tería que facer fronte a unha restauración valorada en varios millóns de euros e a danos multimillonarios en caso de colapso e afectación ás zonas de marisqueo na ría”. Nesa dirección, lembra que Augas da Galiza, organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente, recoñeceu que en caso de colapso os residuos mineiros almacenados causarían un importante impacto ambiental augas abaixo, estando tan só a sete quilómetros da ría de Noia".

O voceiro de Ecoloxistas en Acción considera que “a Fiscalía comeza a tomar en serio o dano ambiental das empresas mineiras, que é o primeiro paso para acabar con esa impunidade”. A este respecto, entende que “é fundamental que estes señores saian condenados porque se saen libres haberá aínda máis impunidade”. Nesta liña, apunta que “a contaminación non é consubstancial á actividade mineira; prodúcese por querer aforrar en custos laborais e ambientais”. Por último, lembra que “noutro procedemento relacionado coa mina están sendo investigados catros responsábeis de Augas da Galiza, entre eles a súa directora, Teresa Gutiérrez”.

Novos investigados

O procedemento aberto pola licenza de actividade das minas de San Finx pode estenderse nas próximas semanas a outros responsábeis da Consellaría de Economía e Industria e de Medio Ambiente nese período. Segundo puido saber Nós Diario de fontes coñecedoras da instrución xudicial, a Fiscalía estuda a actuación doutros cargos directivos da Administración galega neste expediente e analiza o seu posíbel carácter ilícito. Ao tempo, o Ministerio Público estaría valorando abrir novas liñas de investigación nun asunto coñecido a fondo polo máximo responsábel da Fiscalía no Estado, Álvaro García Ortiz, quen chegou a instruír o proceso na súa primeira etapa.

A causa aberta contra Bernardo preocupa no Goberno galego. Neste sentido, temen que na ampliación do procedemento poida verse afectado Borja Verea, secretario xeral do departamento entre 2011 e 2020, deputado do PP e voceiro da formación en Compostela. Precisamente, na etapa de Verea resolvéronse expedientes moi polémicos, como o da mina de Varilongo (Santa Comba) ou os procedementos vinculados aos plans industriais do concurso eólico de 2010.


Angel Bernardo Tahoces: unha xestión baixo sospeita desde a crise das vacas tolas

A sospeita paira sobre a xestión de Bernardo Tahoces desde hai anos. Foi secretario xeral da Consellaría de Medio Rural durante a crise das vacas tolas, a onde chegou pola súa amizade co conselleiro Castor Gago e de onde saíu destituído por Manuel Fraga. Foi, tamén, presidente do Partido Popular de Santiago de Compostela a comezos da primeira década do século XXI e deputado entre 2005 e 2009. Destacou neste período pola súa oposición á política industrial do bipartito e, moi particularmente, polas súas críticas ao plan eólico. Precisamente, nese momento fixo grandes relacións coas compañías do sector enerxético que, unha vez retornado o PP á Xunta da Galiza, promoveron o seu nomeamento como director xeral de Enerxía e Minas. A decisión de Alberto Núñez Feixoo de nomear en 2009 Tahoces como director xeral de Enerxía e Minas resultou sorprendente.

A este respecto, persoas coñecedoras daquel nomeamento lembran que Bernardo Tahoces “enfrontouse a Feixoo no proceso de sucesión de Fraga e como presidente do PP de Compostela apoiou Cuíña”, dimitindo dos seus cargos tras ser derrotado polas bases da formación na localidade. “Tahoces nunca tivo peso no partido, era unha persoa de palla de Dositeo Rodríguez e de David Pillado e, de feito, Feixoo déixao fóra das listas electorais en 2009 e recupérao para o Goberno para botar abaixo o plan eólico do bipartito, seguindo as indicacións do propio Feixoo e das compañías eléctricas”, indican estas fontes, que o sitúan “en todos os traballos delicados realizados na Consellaría desde aquela”.