A Fiscalía ve indicios de delito na construción dun parque eólico en Paradela

Os dous parques que se levantaron en Paradela suman 27 aeroxeradores, que están funcionando en probas.
O xulgado de Sarria ten aberta unha investigación para determinar se un dos parques eólicos que se levantan en Paradela cumpre coas medidas de protección ambiental pautadas pola Xunta. Tras unha denuncia de varias entidades, a Fiscalía concluíu que existen indicios de que non é así.

O xulgado de Sarria investiga a denuncia presentada o pasado mes de novembro pola Fiscalía contra a representación legal de Paravento SL –unha sociedade participada, segundo consta no rexistro mercantil, por Endesa (a través da súa filial Enel Green Power) e o Concello de Paradela–, en relación á construción dun parque eólico nesta última localidade. 

Tras concluír as dilixencias de investigación derivadas da denuncia impulsada polas asociacións Ribeira Sacra Rural e Amigos do Camiño de Santiago, o colectivo ornitolóxico Cigüeña Negra e o Sindicato Labrego Galego, o Ministerio Fiscal conlúe que existen "indicios" de que na execución do parque non se respectaron as medidas estabelecidas para a protección do medio ambiente. En concreto, a fiscala  sinala que unha vez iniciadas as obras, "non consta que se adoptasen" as medidas específicas sobre protección do medio ambiente relativas á protección da atmosfera, animais e plantas recollidas na Declaración de Impacto Ambiental.

A causa atópase de momento en fase de instrución, sen que conste ningunha persoa en condición de investigada. O xulgado si requiriu diversa documentación e informes, segundo confirman desde o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. 

No municipio de Paradela levántanse dous parques, o de Paravento e un segundo, promovido  integramente por Enel Green Power. Xuntos suman 27 instalacións eólicas. Na súa denuncia, de xullo do ano pasado, as entidades impulsoras alertaban das "afeccións negativas" dos eólicos sobre a Ribeira Sacra, o Camiño de Santiago e sobre dúas especies de aves ameazadas, como son a tartaraña cincenta e a gatafornela. A este respecto, reclamaban un plan de seguimento da avifauna, ademais de medidas de protección atmosférica.

O escrito emprazaba a Fiscalía a investigar "presuntos delitos de prevaricación e por omisión contra o patrimonio cultural e o medio ambiente". Nel, as entidades alegaban ademais que a Declaración de Impacto Ambiental, formulada pola dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta, non fai referencia ningunha ao Camiño de Santiago que, segundo incidían, conta cunha "especial proteción" e tamén se ve "afectado negativamente" polas construcións.  

Mobilización cívica contra os eólicos

O impacto dos dous parques eólicos de Paradela espertou no municipio unha forte contestación social, que levou á constitución da plataforma cívica Salvemos Paradela. Algunhas das persoas impulsoras levan anos litigando coa empresa promotora das instalacións. Conseguiron reducir en tres o número de aeroxeradores e teñen no Supremo o trazado das liñas de alta tensión.