A Fiscalía recorre ante o Tribunal Constitucional a sentenza do Supremo contra o ex fiscal xeral García Ortiz
A Fiscalía recorreu ante o Tribunal Constitucional (TC) a sentenza do Tribunal Supremo que condenou a dous anos de inhabilitación o seu predecesor no cargo, Álvaro García Ortiz, por revelación de segredos de Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
Segundo comunicou esta sexta feira nunha nota de prensa, a Fiscalía presentou un recurso de amparo e tamén recorreu o auto do Supremo que desestimou o incidente de nulidade que presentou contra esa sentenza. O Ministerio Público considera que se vulneraron os dereitos de García Ortiz á presunción de inocencia, a un proceso con todas as garantías, a coñecer a acusación e defenderse dela e á legalidade penal.
Presunción de inocencia
A respecto do dereito á presunción de inocencia, sostén que a sentenza "priva indebidamente de valor exculpatorio aos contundentes testemuños de descargo" de xornalistas que "negaron categoricamente" que García Ortiz "fose a súa fonte e achegaron datos obxectivos incompatíbeis coa tese reflectida nos feitos probados, segundo a cal a filtración considerada delituosa produciuse entre as 22 e as 23.51 horas do 13 de marzo de 2024".
"A sentenza omite, con todo, toda referencia a estes contidos de descargo ou exculpación", critica, para engadir que, "para xustificar esa falta de valoración", o Supremo empregou unha "interpretación constitucionalmente inasumíbel da cláusula de segredo xornalístico, que resta, a priori, toda credibilidade ao testemuño dun xornalista que se acolleu a ela".
En segundo lugar, apunta á vulneración do dereito a un proceso con todas as garantías, "en relación cos dereitos á inviolabilidade do domicilio, ao segredo das comunicacións, á intimidade e á protección de datos" recolleitos na Constitución.
A Fiscalía incide en que "o borrado por parte do acusado das súas conversacións privados", un dos "indicios" que levaron á maioría de maxistrados a declarar culpábel a García Ortiz, "foi obtido de forma ilícita".
"Foi resultado dunha (indiscriminada) medida de inxerencia adoptada polo maxistrado instrutor que non estaba xustificada por razón da penalidade do delito investigado, nin tiña en conta a información de extrema sensibilidade en poder do acusado, así como o carácter de 'domicilio profesional' do seu despacho oficial", observa.
"Proba indiciaria inidónea"
Seguidamente céntrase no dereito para coñecer a acusación e defenderse dela, indicando que na "delimitación definitiva" do obxecto de axuizamento "descartouse expresamente" que a nota de prensa difundida pola Fiscalía o 14 de marzo de 2024 –detallaba 'emails' da defensa de González Amador nos que admitía delitos fiscais– "puidese ser considerada, de modo independente, como feito constitutivo do delito de revelación de segredos".
"A sentenza condenatoria dá un xiro argumental sorpresivo e atribúe carácter delituoso autónomo á devandita nota de prensa, o que constitúe unha ruptura flagrante do marco obxectivo do proceso e, con iso, unha imputación nova da que o acusado non puido nin tiña por que defenderse", argumenta.
E denuncia a vulneración do dereito á legalidade penal, asegurando que "a interpretación do tipo penal de revelación de datos reservados como infracción formal dun deber de reserva, que se comete mesmo se os datos afectados son de coñecemento público, resulta contraria a toda a xurisprudencia antecedente do Tribunal Supremo, que é rectificada de forma sorpresiva e imprevisíbel". Ao seu entender, iso "conduce, ademais, a resultados axiológicamente incompatíbeis co papel preponderante que ten no noso Estado democrático o dereito dos cidadáns para dar e recibir información veraz".
A Fiscalía entende, por tanto, vulnerada a presunción de inocencia de García Ortiz porque "a conclusión condenatoria obtense a partir dunha proba indiciaria manifestamente inidónea". "O órgano xudicial escolle, entre as interpretacións posíbeis dos indicios, a máis desfavorábel para o acusado, con independencia de que se sustente nun razoamento realmente lóxico", expón.
O Ministerio Público pide anular a sentenza que asinaron cinco dos sete maxistrados do Tribunal Supremo que condenaron García Ortiz.
