A Fiscalía recorre a absolución de Manuel Cabezas por malversación e prevaricación

O ex alcalde de Ourense Manuel Cabezas (dereita). (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O ex alcalde de Ourense entre 1995 e 2007 foi acusado de non exixir 10% do aproveitamento urbanístico a 15 proxectos de promotores e construtoras durante o seu mandato.

A Fiscalía de Ourense vén de presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo pola absolución do ex alcalde de Ourense, Manuel Cabezas, acusado dos delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos.

O antigo rexedor da cidade entre 1995 e 2007 resultou absolto o pasado 31 de xaneiro, xunto co concelleiro de Urbanismo de Ourense entre 1999 e 2003, Ricardo Campo, pola Sección Segunda da Audiencia de Ourense.

Cabezas e Campo foron acusados polo 'caso de 10%', após o alcalde do Partido Popular e o concelleiro de Urbanismo non exixiron 10% do aproveitamento urbanístico a 15 proxectos de promotores e construtoras durante o seu mandato.

A concesión desa excedebcia tivo lugar en 1997 e 2002, a pesar de que o Goberno español aprobara a Lei de Solo en 1997, que obrigaban as entidades locais a exixir ese 10%. O ex alcalde acolleuse nun acordo plenario de 1994 para xustificar a súa actuación.

Cabezas culpa os técnicos

A defensa de Cabezas e Campo baseouse en que os técnicos municipais emitiran informes favorábeis sobre estes proxectos, polo que eles unicamente os aprobaron.

Na súa sentenza, a Sección Segunda da Audiencia de Ourense afirma que "non resulta probado que se guiasen por un ánimo de enriquecemento inxusto co fin de converter o patrimonio municipal en beneficios privados".

A Fiscalía decidiu apelar a decisión do tribunal ao entender que a sentenza incorre nunha infracción de lei do artigo 404 do Código Penal, ademais de que, segundo o Ministerio Público, existe un quebrantamento da forma.