Fiscalía investigará o Goberno galego pola xestión da vaga de incendios deste verán

Incendio de Barxa, no concello da Gudiña. (Foto: Nós Diario)
A plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciara a "inacción" da Xunta e, nomeadamente, da Consellaría do Medio Rural.

As entidades que conforman a plataforma Por un Monte Galego con Futuro veñen de informar, a través dun comunicado, de que a Fiscalía acordou incoar dilixencias ante as denuncias presentadas contra a Xunta da Galiza en relación á xestión da vaga de incendios deste verán.

Así, Fiscalía indagará na posíbel comisión dun delito contra o medio ambiente, no que atinxe aos "artigos 325 e 326 do Código Penal, relativos á protección da flora".

Desde Por un Monte Galego con Futuro denunciaron o "desleixo" do Goberno galego ante a vaga de incendios "que nos meses de xullo e agosto produciran graves efectos nos montes e ecosistemas de máis valor da Galiza".

Na denuncia presentada, aliás, sinalaron explicitamente a Consellaría do Medio Rural "pola súa inacción perante uns lumes que arrasaron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro", entre outros.

O dano producido, expuxeron na denuncia, "agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe". Aliás, subliñaron que, en agosto, só se executara "parte" do Plan de prevención de incendios forestais presentado a comezos de ano.

"Fallou a prevención e logo, producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes co fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes, tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais", sinalou o portavoz da plataforma, Xosé Santos.

Fiscalía, pola súa parte, salientou que, en coñecemento "dun feito aparentemente delitivo, ben directamente ou por ser presentada unha denuncia ou atestado, practicará o mesmo ou ordenará á policía xudicial que practique as dilixencias que estime pertinentes para a comprobación do feito ou da responsabilidade dos partícipes no mesmo".