Denuncian a Xunta perante a Fiscalía por "inacción" durante a vaga de incendios forestais

Zona arrasada polo fogo no Courel. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Desde a plataforma Por un Monte Galego con Futuro afirmaron que o operativo de extinción estivo "desbordado" desde o inicio e foi "equiparábel" ao que se activa entre marzo e xuño, malia haber múltiples focos simultáneos.

A plataforma Por un Monte Galego con Futuro, conformada por varias asociacións ecoloxistas e sindicais, vén de denunciar a Xunta da Galiza perante a Fiscalía debido á "inacción" da Consellaría do Medio Rural diante da vaga de incendios que axexou os montes do país nas últimas semanas.

Aliás, a entidade instou a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, a actuar de oficio e investigar a actuación do Goberno galego en materia de prevención e extinción de incendios, a fin de "aclarar as responsabilidades penais".

A través dun comunicado remitido aos medios, a plataforma sinalou que o dano ocasionado polas chamas "agravouse" debido a que a "maioría" de traballos de prevención previstos para o presente ano "están sen facer a día de hoxe". Nesta liña, alertaron do impacto en ecosistemas de gran valor como o parque natural do Invernadeiro, no Macizo Central, ou a serra do Courel, epicentro dos fogos de maior dimensión.

O seu portavoz, Xosé Santos, apuntou que os indicadores diarios de incendios forestais "permitían vaticinar" que os focos iniciais tornasen "con facilidade" en grandes lumes. Tamén fixo referencia a que, "após producirse os primeiros focos, non actuaron en tempo e forma cos medios suficientes a fin de controlar a súa expansión".

"As brigadas entraban día si e día tamén con só un, dous ou tres efectivos, cando as brigadas forestais son de cinco na Galiza", subliñou Santos, ao tempo que advertiu que as motobombas ficaron "sen cubrir as 24 horas do día pola falta de condutores".

De forma paralela, destacou a "dramática" situación que se viviu en aldeas e poboacións con varias vivendas calcinadas por uns fogos "incontrolados pola falta de medios".

O operativo, precisaron desde a plataforma, estivo "desbordado" desde o inicio e foi "equiparábel" ao que se activa entre marzo e xuño, malia haber múltiples focos simultáneos.