A fiscalía exculpa Baltar e ve na denunciante "desexos de vinganza"

José Luís Baltar [Imaxe Deputación de Ourense]

Pide a revogación do auto xudicial que investiga o presidente da Deputación de Ourense e responsabiliza a muller de querer que este delinquise.

 

Esta semana o fiscal xefe de Ourense recorrerá a decisión xudicial que abriu unha investigación contra José Luís Baltar no marco dunha denuncia por acoso sexual. A xuíza instrutora, responsábel do Xulgado nº3 da cidade das Burgas, entende que existen indicios suficientes dun presunto delito de suborno con tráfico de influencias por lle ter ofrecido á denunciante un posto de traballo na institución provincial a cambio de relacións sexuais. 

O fiscal atribúelle á denunciante "desexos de vinganza" por non ter conseguido o seu propósito

Porén, a Fiscalía, que no seu momento arquivou a denuncia, presentará un recurso de revogación do auto que foi avanzado na sexta feira polo xornal local La Región

No documento, Florentino Delgado, asegura que "non" fican "acreditados con indicio mínimo racional os feitos denunciados" polo que pide o sobresemento da causa penal aberta contra o presidente provincial e líder do PP de Ourense. 

Porén, insta a manter a citación con carácter subsidiario da denunciante para que achegue as probas "que puidese ter e que non puido ou non quixo" achegar ao Ministerio fiscal cando denunciou previamente o caso. 

A Fiscalía responsabiliza a muller de pretender conseguir unha praza "saltándose os procesos selectivos"

Delgado fundamenta o recurso na responsabilización da denunciante da que chega a dicir que, opta pola "autoinculpación delitiva para conseguir o perverso fin", isto é, segundo o fiscal xefe, conseguir un posto de traballo "saltándose os procesos selectivos". Florentino Delgado recunca na focaxe expresada polo presidente da Xunta de Galiza e líder do PPdeG, responsabilizando a muller de pretender que Baltar cometese un delito "e non o conseguiu", dixo Alberto Núñez Feijóo na altura. 

Aliás, o fiscal xefe atribúelle "desexos de vinganza". "Se puidese existir, por propia inculpación, na denunciante a devandita conduta máis ten a ver cunha sospeita de vinganza por verse bulrada que cun indicio serio que un xuíz deba ter en conta", sinala o auto recollido por La Región. 

Así mesmo, o Ministerio Fiscal asegura que a xuíza instrutora do caso basea o auto en "conxecturas" por un suposto 'pacto' que a denunciante tería co pai de Baltar e daquela presidente da Deputación de Ourense, José Luís Baltar, que pretendería facer extensíbel, di Florentino Delgado, ao actual xefe de goberno.