A xustiza abre o caso Baltar por presunto acoso sexual

José Manuel Baltar

Admite a trámite a denuncia da muller e asegura que existen indicios de delito de suborno.

 

O xulgado de Instrución nº3 de Ourense vén de chamar a declarar o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, no marco da denuncia presentada por unha muller que o acusa dun presunto delito de acoso sexual. 

O caso, que foi arquivado pola Fiscalía inicialmente, é re-aberto agora pois, segundo a xustiza, existirían indicios de se ter cometido un delito de soborno (art. 419 Código Penal) sen prexuízo de que poida existir "tráfico de influencias" debido á "relación  persoal" que existía entre ambos. 

A xuíza chama a declarar a ambas as dúas persoas o 10 de marzo

A denunciante estaba citada a declarar esta mañá (28 de xaneiro) e con posterioridade será Baltar quen teña que acudir aos tribunais o 10 de marzo. Data na que ela volve ser chamada. 

Cómpre lembrar que o caso foi destapado en exclusiva por eldiario.es através do relato da muller que asegurou ter mantido relacións sexuais co presidente da Deputación de Ourense a cambio dun posto de traballo que nunca chegou a facerse efectivo. Ao longo de diversos anos a denunciante gravou conversas entre ela e Baltar que agora son achegadas como proba. 

José Luís Baltar negouse desde que se coñeceu a nova a dar explicacións sobre o asunto mesmo cando lle foi requerido polo pleno da Deputación provincial o que chegou a causar a demisión en bloque do Comité de Ética da institución. 

Pola súa banda, o presidente da Xunta e tamén do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, chegou a acusar a muller de ter instigado o seu compañeiro de partido a cometer un delito tornando a vítima en verdugo. Entretanto, as forzas da oposición, movementos feministas e iniciativas populares exixiron a demisión do líder do PP ourensán. 

 

Fe de grallas. Esta información foi corrixida por volta das 15.16h. Segundo informou o TSXG a xuíza ve indicios de suborno mais, a priori, non os ve de acoso sexual.