A Fiscalía da Galiza mantén abertas 7 dilixencias de investigación penal contra residencias pola xestión da Covid

Entrada dunha residencia (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Hai abertas tamén outras 13 de investigación  procesual.

A Fiscalía Superior da Galiza mantén abertas sete dilixencias de investigación penal contra residencias por mor da xestión da crise sanitaria da COVID-19, iniciada no mes de marzo.

Así o confirmou o fiscal superior, Fernando Suanzes, na súa intervención ante os medios tras presentar ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, a Memoria Anual da Fiscalía correspondente ao ano 2019.

Ademais das sete dilixencias de investigación penal, Suanzes deu o dato de que nestes momentos continúan abertas outras 13 de investigación  procesual, "é dicir, no ámbito puramente  tuitivo" dos centros de maiores.

"Trátase de ter unha maior protección dos nosos maiores", explicou o fiscal, quen tamén indicou que "durante todo este tempo de pandemia" iniciáronse, en total, ao redor de 20 dilixencias penais e outras 20  procesuais.

Desde o mes de marzo, as autoridades sanitarias  informaron de 329 falecidos diagnosticados de coronavirus que proviñan de xeriátricos -43,46 % das vítimas mortais rexistradas na Galiza-. Destes, 148 morreron nos propios centros.

"Imparcialidade"

Por outra banda, ao ser preguntado sobre os procedementos xudiciais relativos á pandemia, como a  convalidación das restricións ditadas polas autoridades, Fernando Suanzes manifestou que a Fiscalía "sempre garante unha absoluta lealdade constitucional e institucional" con arranxo "a principios de imparcialidade e legalidade".

"Baixo eses principios e baixo esa configuración, en todo o relativo á pandemia actuarase da mellor forma posible", insistiu.