Xustiza

A Fiscalía cre que os acusados da morte de Samuel eran "plenamente conscientes" e actuaron "cunha crueldade extrema"

Manifestación polo Día do Orgullo LGBTI na Coruña demandando xustiza para Samuel. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O Ministerio Público pide até 27 anos de prisión para os cinco acusados de seren "coautores" da brutal malleira, con "aleivosía e asañamento", que provocou a morte do mozo coruñés de 24 anos. No seu escrito de acusación, Fiscalía ve tamén claros indicios do móbil homófobo do crime: "O acusado interpretou que era homosexual, feito que desencadeou unha reacción aínda moito máis virulenta pola animadversión á orientación sexual que lle atribuíu, chegando a dicirlle: 'Deixa de gravar, a ver se te vou matar, maricón'".

A Fiscalía atribúe aos cinco acusados polo crime de Samuel Luiz —o mozo de 24 anos que faleceu na Coruña na madrugada do 3 de xullo de 2021 como consecuencia dunha brutal malleira no paseo marítimo da cidade herculina— unha "crueldade extrema" co obxectivo de provocar a súa morte. No seu escrito de acusación, incide en que houbo unha reacción "moito máis virulenta" ao interpretar o procesado que iniciou a agresión que a vítima "era homosexual". "Voute apuñalar, vas morrer", recolle o Ministerio Público, que sinala que o acusado pronunciou esta afirmación á vez que "o seguía golpeando con puñadas e patadas".

Ademais, apunta que na persecución que acabou coa morte do mozo participaron todos o acusados —catro homes e unha muller—, así como os dous menores de idade xa condenados e con cumprimento de condena nun centro de menores. En particular, reitera Fiscalía sobre os últimos momentos da agresión, foi con "parte dos acusados golpeándoo e os restantes rodeándoo para asegurar o ataque e evitar calquera posíbel axuda ou auxilio por parte de terceiras persoas".

"A pesar de seren coñecedores da grave e desesperada situación na que se atopaba —Samuel— e do seu cruel comportamento cara a el, non se desvincularon do grupo e non só non trataron de evitar a acción espectacularmente violenta que se desenvolvía ante eles, senón que coa súa presenza e aprobación durante todo o ataque contribuíron á súa tráxica execución", indica, sobre todos os participantes.

Por todo iso, a Fiscalía da Coruña pide penas de entre 22 e 27 anos de cárcere. A todos considéraos coautores do delito de asasinato con aleivosía e asañamento, con agravante de discriminación en relación á orientación sexual da vítima. Para dous dos acusados que participaron inicialmente na agresión pide unha pena de 25 anos de cárcere e para os outros tres, pena de 22 anos de prisión. A un deles súmalle a petición de cinco anos de cárcere por roubo con violencia ao imputarlle a subtracción do móbil de Samuel.

Inicio da agresión

Os feitos, de acordo con as investigacións realizadas tras o sucedido e como recolle Fiscalía no seu escrito, comezaron pouco antes das 3 horas da madrugada, cando Samuel estaba facendo unha videollamada cunha amiga á saída dun pub da zona da praia de Riazor. Nese momento, un dos acusados, que estivera no mesmo local, dirixiuse a el —nin agresor nin vítima se coñecían previamente— de "forma agresiva" para dicirlle que deixase de gravalos. O falecido respondeulle que estaba a facer unha videollamada, pero Fiscalía sostén que, "polas palabras, xestos, forma de vestir, ton de voz e aparencia física" de Samuel, "interpretou que era homosexual, feito que desencadeou unha reacción aínda moito máis virulenta no acusado pola animadversión á orientación sexual homosexual que lle atribuíu, chegando a dicirlle: 'Deixa de gravar, a ver se te vou matar, maricón'".

Acto seguido, "de forma sorpresiva e repentina, con ánimo de causarlle a morte e, en todo caso, sendo plenamente consciente e aceptando o alto risco que para a vida [de Samuel] comportaba a súa violenta acción, abalanzouse sobre el, golpeándoo con puñadas e patadas, principalmente na zona da cabeza e cara", prosegue o escrito. Fiscalía explica que a iso sumouse un amigo, "perfectamente consciente e aceptando a brutalidade da acción que estaban a executar", derrubando o mozo no chan e rodeándolle con forza o pescozo.

Engade que a única muller imputada por estes feitos, "plenamente consciente da profunda animadversión cara á homosexualidade" do acusado que comezou a pelexa "exteriorizou co seu comportamento a súa vontade de participar no ataque, asegurándose de que ninguén axudase a vítima e axudando de forma activa os seus amigos". De feito, recolle que apartou a amiga de Samuel, que lles pedía que parasen.

"En cuestión de segundos, sumouse á agresión un numeroso grupo de persoas, que se achaban nas inmediacións e do que formaban parte os outros acusados, quen, ao presenciar a agresión, saíron correndo integrándose no grupo co único propósito de golpear" a Samuel "co fin de privarlle da vida ou sendo conscientes e aceptando que tal desenlace puidese producirse".

Incapaz de defenderse

Todo iso recóllese nun escrito no que se incide en que Samuel Luiz non tivo "ningunha capacidade de defenderse de forma eficaz do ataque grupal que estaba a sufrir", estando "indefenso" ante o número de persoas que o golpeaban e rodeaban. No único momento en que puido incorporarse "a duras penas", e logrou abandonar o lugar, incide en que os atacantes "seguiron a golpealo", sendo perseguidos, uns "150 metros" polo paseo marítimo, Samuel e dous homes, de nacionalidade senegalesa, que trataron de socorrelo.

"Os continuos e brutais golpes propinados foron realizados coa intención deliberada de aumentar innecesariamente a súa dor e sufrimento físico para alcanzar o fin letal, reflexo dunha crueldade e deshumanización extremas", insiste Fiscalía, que considera que se tratou dunha situación de "extrema e continua agresividade" mesmo cando sabían que a vítima "carecía de calquera posibilidade de reacción". Con posterioridade, os intervenientes, engade, congregáronse no parque Europa con insultos de "maricón" a Samuel, que faleceu horas despois no complexo hospitalario da Coruña (Chuac) polos "golpes múltiples" recibidos.

Estes feitos están agora pendentes de fixar data de xuízo á espera de que todas as partes presentan os seus respectivos escritos, sexan de defensa ou de acusación —unha delas pediu a ampliación do prazo para formular o seu escrito á espera de ter todo o expediente— nunha causa na que están implicadas, como acusación particular, a familia de Samuel, pero tamén o colectivo LGTBI ALAS A Coruña, neste caso como acusación popular.