A Fiscalía constata que San Rosendo e DomusVi incumpren a normativa de residencias

A residencia maiores San Lázaro Compostela está xestionada por DomusVi. (Foto: Arxina)

A Memoria da Fiscalía da Galiza constata que en residencias de maiores dos grupos DomusVi e San Rosendo non se cumpre a ratio de persoal, unha vulneración da normativa da que se informou por parte do Ministerio Público "varias veces" á Xunta da Galiza, mais sen resultado.

Nova constatación por parte dun organismo público das deficiencias en residencias de maiores na Galiza dos grupos privados San Rosendo e DomusVi e tamén nova constatación da responsabilidade da Xunta, con quen manteñen concertos. Hai dous anos fora o Consello de Contas quen, como informou nunha exclusiva Nós Diario en abril de 2020, sinalaba no seu informe de 2017 que en diversas residencias de DomusVi e da Fundación San Rosendo a cifra real de traballadoras “non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores”.

Agora, outubro de 2022, é a Fiscalía da Galiza quen constata incumprimentos neste sentido por parte das principais empresas que xestionan na Galiza os centros de maiores privados e tamén algúns de titularidade pública. Na memoria correspondente a 2021 e presentada recentemente, o Ministerio Público afirma que "se observou,  sobre todo en grandes residencias dependentes da Fundación San Rosendo e DomusVi que non se cumpre de forma estrita a ratio mínima de persoal". Unha vulneración da normativa de residencias que, prosegue a Fiscalía no informe, "xa se comunicou varias veces á Administración autonómica, con quen [as mencionadas empresas] manteñen concertos, mais non observamos correccións". 

Esta falta de persoal é unha das denuncias reiteradas que se fai desde hai anos por parte de Trega, Traballadoras de Residencias da Galiza, que a respecto de DomusVi critica a "endémica falta de persoal".

Suxeicións de maiores

A Memoria da Fiscalía tamén aborda outra cuestión a respecto das residencias, o recurso á medida de suxeición de pacientes. Neste sentido, recolle, máis unha vez, a diferenza entre públicas e privadas.

"Nas residencias de titularidade pública e nas miniresidencias existe unha baixa incidencia de medidas de suxeición nas persoas maiores debido á utilización de alternativas ás mesmas (camas articuladas, cadeiras de brazos especiais, maior ratio de persoal especializado, maior actividade lúdica, etc)". Porén, continúa, "no extremo oposto sitúanse os centros residenciais de titularidade privada ou de xestión privada en grandes centros, como San Rosendo e DomusVi [...], cun número excesivamente elevado de suxeicións físicas".

Petición de explicacións

A publicación da memoria suscitou a reacción da oposición. O deputado do BNG Iago Tabarés manifestou que o recollido pola Fiscalía da Galiza sinala a Xunta pola súa "tolerancia fronte aos incumprimentos contractuais ou da mala xestión dos recursos públicos en determinados centros de maiores". Para o parlamentario nacionalista, do informe tamén se desprende que "cabe a posibilidade de que a Xunta non lle comunicase á Fiscalía feitos" que, advirte, considera "de extrema gravidade".

Pola súa parte, Marina Ortega (PSdeG) apunta á responsabilidade da Xunta da Galiza por esta situación: "Somos das comunidades con este sector máis privatizado e a segunda pola cola en número de inspectores para comprobar que nas residencias se cumpra coa normativa".

"Insuficientes inspeccións" nos centros de maiores

Na Memoria da Fiscalía de 2022, inclúense seis dilixencias de investigación penal durante 2020 e tres en 2021, e detállanse as incidencias e particularidades das relativas á Residencia A Nosa Señora de Fátima-O Barco de Valdeorras, que finalizaron con denuncia por delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave. Esta residencia foi unha das intervidas pola Xunta en 2020 durante a pandemia. Dez anos antes xa fora obxecto doutra intervención, xudicial, que destapou unha trama acusada de utilizar os xeriátricos con fins lucrativos.

Na Memoria da Fiscalía advírtese de que houbo "insuficientes inspeccións" nas residencias nestes dous anos. Desde marzo de 2020 non se realizaron visitas de inspección por parte dos fiscais adscritos a protección de maiores por mor da Covid, recoñece a memoria.