A Fiscalía arquiva a denuncia polos abortos sen asistencia no CHUAC

Sinala no auto, como xa fixera o fiscal superior de Galiza, que a redacción dos feitos "non ten encaixe en precepto penal". 

Esta sexta feira (11 de marzo) a Fiscalía Provincial de A Coruña comunicou á Asociación do Defensor do Paciente que procede ao arquivo da denuncia presentada polos abortos practicados no segundo trimestre de xestación sen asistencia médica no Hospital Materno (CHUAC) da cidade herculina. 

Así llo comnicou através do correo electrónico. No seu pronunciamento, ao que tivo acceso Sermos Galiza, a Fiscalía sinala que "non" lle compete "nen o exame, nen a fiscalización das actuacións da Administración, de calquera ámbito" agás naqueles casos en que exista supostamente unha "concreta actuación que revele a súa aparencia delitiva". 

Ao igual que fixera o fiscal superior de Galiza, perante quen foi rexistrada a denuncia, a Fiscalía provincial da Coruña asegura que "os feitos, tal e como veñen relatados, non teñen encaixe no precepto penal, cando menos até que non exista algunha denuncia individualizada na que se poidan acreditar concretos comportamentos ilícitos que teñan relevancia penal". 

Neste senso, explica o fiscal decano da Coruña, a Constitución impide acudir a unha "inquisitio generalis" (causa xeral) pois os "actos" da administración "presúmense lexítimos e legais (como deriva directamente do artigo 103 da Constitución e normas administrativas)". 

Neste senso, debería presentarse unha denuncia particular por parte de mulleres afectadas para que a Fiscalía iniciase o proceso de investigación que foi reclamado polo Defensor do Paciente de maneira xeral após os testemuños coñecidos pola imprensa e denunciados pola Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña. 

Cumpre lembrar, como avanzou na altura Sermos Galiza, que diversas mulleres relataron á imprensa como tiveron que expulsar os fetos --de máis de 12 semanas-- soas e, en ocasións, mesmo en cuñas nos propios baños das habitacións hospitalarias, como relatou Sabela neste medio nun caso acontecido no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol en 2015. 

"Non imos ficar caladas"

Desde a Plataforma polo dereito ao aborto da Coruña advirten que comezarán a "facer públicos con nomes e apelidos" casos de mulleres que se viron afectadas pois "após facermos pública a denuncia houbo moitas que se puxeron en contacto con nós", explica en conversa con Sermos Galiza, Cristina Bajo, integrante da Plataforma. Aliás, acrecenta, "agardamos que as profesionais tamén se sumen". 

"Faremos públicos con nomes e apelidos os casos"

Perante o arquivo da denuncia presentada aseguran sentírense "completamente indefensas" pois "están a vulnerarse os dereitos humanos" e "semella que cando se trata das mulleres non importa nada". 

Na terza feira manterán unha reunión da Plataforma para acordar as accións que desenvolverán a partir de agora.