A Fiscalía alerta do aumento de delitos de violencia de xénero: as causas xudiciais increméntanse 13%
O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, presentou esta cuarta feira na Comisión Institucional do Parlamento da Galiza a Memoria 2023 do seu departamento. Comezou Suanzes dando o pésame polo asasinato na pasada sexta feira de Estela Blach, de 36 anos, asasinada supostamente pola súa ex parella en Baiona (comarca de Vigo). O fiscal superior, cos datos da memoria da Fiscalía na man, centrou a súa comparecencia no “preocupante” incremento dos delitos de violencia de xénero na Galiza, que cualificou como “unha ameaza para toda a sociedade”. Suanzes advertiu de que “non hai escusa diante dunha realidade que non podemos aceptar e contra a que podemos e debemos loitar en todos os planos da sociedade”.
A “preocupación” do fiscal xeral da Galiza quedou clara coas cifras da Memoria da Fiscalía de 2023. O pasado ano rexistráronse no país tres asasinatos machistas, nos últimos dez anos suman 67 as vítimas de violencia de xénero no país e no que vai de ano, neste 2024, xa son catro as mulleres asasinadas na Galiza en crimes machistas (40 en todo o Estado español). En 2023 aumentaron 13% os procedementos incoados na Fiscalía Superior da Galiza por violencia de xénero e tamén aumentaron 2,5% as ordes de protección e medidas cautelares adoptadas xudicialmente diante destes casos denunciados.
Aumentaron tamén o ano pasado as sentenzas nestes casos, até 16%, das que segundo dixo o fiscal superior 80% foron condenatorias e en máis da metade desas condenas houbo acordo de conformidade. O sistema Vioxén do Estado español ten rexistradas 100.000 mulleres no Estado, delas 5.700 son galegas e máis de 1.000 delas están en risco “medio” ou “extremo” de seren asasinadas por mor de violencia de xénero.
As cifras, segundo explicou Fernando Suanzes no Parlamento galego, falan dunha “ameaza para as mulleres e para toda a sociedade”. E recalcou tamén que estes datos rexistráronse a pesar de terse posto en marcha no ano 2023 desde a Xunta da Galiza o protocolo de asistencia integral a vítimas e o protocolo contra as violencias sexuais e LGBTfóbicas no ocio nocturno.
Suanzes fixo un chamamento ao remate da súa comparecencia lembrando que "a responsabilidade é conxunta como sociedade”. Sinalou a “ Xustiza, o Goberno e as institucións” para “contribuír ao cambio social a favor da igualdade”, e advertiu que “non haberá cambio social sen transformación cultural, nin transformación cultural sen posicionamento individual a favor da igualdade". De cara ao futuro, Suances avogou por “mellorar a eficacia das medidas xa implantadas” e fixo fincapé na “educación, coordinación e resposta penal” para loitar contra esta lacra social.
A comparecencia do Fiscal Superior da Galiza no Parlamento suscitou posicionamento a respecto deste problema dos distintos grupos políticos na Cámara galega. A deputada e secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, destacou a “colaboración” da Xunta coa Fiscalía en materias coma a loita contra a violencia de xénero e a protección de menores. Prado defendeu o “compromiso” do Goberno galego coa erradicación da violencia machista e aproveitou para espetar que “outros falan e actúan pouco”, censurando ao Goberno español por “seguir sen cumprir” o Pacto de Estado contra a violencia de xénero e a chamada “lei do só si e si” con "consecuencias monstruosas e a complicidade e apoio do BNG".
Paula Prado non se referiu porén aos acordos de goberno que o seu partido ten con Vox, formación que nega abertamente a violencia de xénero.
O deputado do BNG Iago Tabarés amosouse tamén “preocupado” polo aumento dos delitos e as vítimas da violencia de xénero. Referiuse Tabarés a Estela Blach, a última vítima desta lacra social na Galiza, e ao feito de que a súa ex parella e suposto asasino estea a ser buscado polas forzas de seguridade. Diante deste caso o deputado nacionalista recalcou que “todo eso fallou e foi asasinada. É precisa unha reflexión sobre os sistemas, medios e protocolos que se están levando a cabo", advertiu.
Paloma Castro (PSdeG) destacou que a “desigualdade” é o xerme da violencia de xénero e criticou que “a Xunta e o PP non creen na igualdade”. Castro criticou que o Goberno galego “non considera ás mulleres autorizadas para falar de cuestións importantes” e puxo como exemplo unha xornada organizada pola Xunta sobre violencia de xénero dixital “coa participación de cinco expertos homes e unha soa muller”.
Concentracións
Esta cuarta feira o feminismo galego levou a cabo en distintos concellos do país concentracións en protesta e repulsa polo último asasinato machista na Galiza, o de Estela Blach en Baiona na pasada sexta Feira. Centos de persoas concentráronse na Coruña, A Guarda, A Gudiña, As Pontes, Betanzos, Carnota, Compostela, Ferrol, Lalín, Moaña, Moraña, O Porriño, O Rosal, Ourense, Ponteceso. Pontevedra, Ribadavia, Ribadeo, Ribeira, no cruce da Ramallosa que une Nigrán e Baiona, en en Vilalba. Previamente, o sábado e a segunda feira, xa houbo mobilizacións na cidade de Vigo.
A violencia machista centra o debate parlamentario
A chegada do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, marcará a vindeira semana o pleno do Parlamento da Galiza, que comezará na terza feira. O PP, o BNG e o PSdeG levarán á Camara iniciativas a respecto da violencia machista, coa ollada posta na última vítima na Galiza, Estela Blach, asasinada en Baiona.
Todos os grupos condenaron o asasinato e alertaron de que Estela morreu a pesar de que “fixo todo o que lle pediron que fixese”, sinalou a deputada nacionalista Olalla Rodil, en referencia a que denunciou ao seu agresor, tiña unha orde de afastamento e estaba no sistema VioXén. Tamén o PSdeG amosouse preocupado a respecto desta lacra social, e a deputada Elena Espinosa alertou de que no que vai de 2024 houbo xa na Galiza 3.000 denuncias por casos de violencia de xénero. O PP pola súa banda aproveitará o pleno da vindeira semana para demandar ao Estado español que “renove” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, segundo os populares galegos, “conxelado” desde 2022 e pedirá que se “revisen os erros” do sistema Vioxén. No pleno comparecerá a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para explicar as medidas que está a tomar a Xunta contra a violencia machista.

