A Fiscalía, "absolutamente preparada" para o xuízo do Alvia, pide catro anos de prisión para Cortabitarte e o maquinista

Cidade da Cultura de Compostela, sede do xuízo do Alvia. (Foto: Nós Diario)
O ex responsábel de Seguridade de Adif e o maquinista están acusados de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 de lesións e un de danos.

A Fiscalía de Santiago está "absolutamente preparada" ante o inicio do xuízo polo accidente do tren Alvia. O fiscal superior da Galiza, Fernando Suanzes, destaca que supón "un reto de organización e un reto para a Fiscalía" pola cantidade de partes que comparecen, e confía en que o desenvolvemento do xuízo sexa "nas mellores condicións e con normalidade", segundo sinala o Ministerio Público nun comunicado.

Nun comunicado remitido esta terza feira aos medios, Fiscalía apunta que o xuízo do Alvia "non ten precedentes debido á súa complexidade e ao número de testemuñas que van ser citadas".

Lembra así que só a instrución durou até oito anos e no xuízo cítanse centos de testemuñas e peritos. No escrito de cualificación, a Fiscalía cre que é necesario que comparezan, quer como testemuñas, quer como vítimas ou peritos, unhas 407 persoas. A iso sumaranse as testemuñais que pidan as partes.

Catro anos de prisión

Segundo o escrito de cualificación, a Fiscalía considera que os acusados no accidente do Alvia, ocorrido o 24 de xullo de 2013 na curva de Angrois (Santiago de Compostela), son o maquinista que nese momento conducía o tren, Francisco José Garzón, e o director da Dirección da Seguridade na Circulación de Adif por aquel entón, Andrés Cortabitarte.

O Ministerio Fiscal, neste caso o fiscal xefe da Fiscalía de Santiago, Mario Piñeiro, cre que ambos os dous son autores de 80 delitos de homicidio por imprudencia grave profesional, 145 delitos de lesións e un delito de danos. Todos eles en concurso ideal do artigo 77, apartados primeiro e segundo do Código Penal.

Nas súas conclusións provisionais, considera que procede impor a cada un dos acusados as penas de catro anos de prisión e, aliás, ao maquinista a inhabilitación especial para a profesión de condutor de ferrocarrís por tempo da condena.

Pola súa parte, para o alto cargo de Adif demanda a inhabilitación especial para o exercicio de calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias polo tempo da condena.