Xuízo do Alvia

O fiscal retira a acusación contra o ex director de Seguridade de Adif e sinala só o maquinista

Andrés Cortabitarte abandonando a Cidade da Cultura após unha sesión previa do xuízo. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Inicialmente, Fiscalía pedía tanto para Andrés Cortabitarte como para o maquinista, Francisco Garzón, catro anos de prisión. Só mantén a petición, porén, para Garzón.

Xiro inesperado dos acontecementos no último momento. O fiscal encargado do 'caso Alvia', Mario Piñeiro, vén de retirar a acusación contra o ex director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, no xuízo polo accidente do tren Alvia de 2013. Nas súas conclusións provisionais, presentadas esta mañá, o representante do Ministerio Público pedía catro anos de cárcere tanto para el como para o maquinista, Francisco Garzón, por 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

Ao comezo da fase final do xuízo, pouco antes de que faga dez anos da traxedia e que arrincou esta mesma terza feira, o fiscal expuxo, porén, unha modificación nas súas conclusións á xuíza, Elena Fernández Currás, que leva o proceso desde o pasado mes de outubro. En consecuencia, exculpa o ex alto cargo de Adif e mantén a pena proposta para Garzón, o único ao que sinala como responsábel. Entende que Cortabitarte non incorreu en "infracción ningunha" no exercicio das súas funcións a respecto da seguridade na curva da Grandeira, onde descarrilou o tren.

Non acontece o mesmo no caso das vítimas, pois o avogado da plataforma que as representa, Manuel Alonso Ferrezuelo, ratificou a acusación contra os dous investigados, tanto Garzón como Cortabitarte, para os que pide tamén catro anos de prisión. "Creo que, en resumo, o xuízo foi bastante favorábel para os nosos intereses. Eu creo que a proba foi moito máis contundente que a fase de instrución e está corroborado todo o noso escrito de conclusións", subliñou.

O letrado augurou, en declaracións aos medios antes de entrar nas dependencias da Cidade da Cultura de Santiago habilitadas para o xuízo, "que o fiscal manterá a súa acusación contra os dous acusados e a partir de aí mañá [por esta cuarta feira] fará un resumo da proba". Porén, non foi así e o representante do Ministerio Fiscal retirou o nome de Andrés Cortabitarte do seu escrito de acusación.

O maquinista, Francisco Garzón, sentado detrás de Cortabitarte na sala. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Esta decisión supón un cambio radical na postura defendida por Fiscalía, que no informe provisional afirmaba que o accidente "non sucedería" se Cortabitarte "avaliase e xestionase o risco de exceso de velocidade" presente no lugar do descarrilamento, a pouca distancia da estación de Santiago de Compostela. Ese treito carecía do sistema de freado automático 'ERTMS', unha das cuestións chave no xuízo.

Porén, agora o seu escrito modifícase, no relativo ao ex alto cargo do administrador ferroviario estatal, desta forma: "Na súa condición de director de Seguridade non infrinxiu o deber que ostentaba e actuou conforme aos procedementos incluídos no sistema de xestión de Adif", aprobado polas autoridades estatais e con metodoloxía "baseada na normativa europea". O fiscal non acha, pois, indicios de irregularidades no deseño da liña de tren Ourense-Santiago.

"Noutras liñas circúlase a 200 quilómetros por hora co sistema 'Asfa' [...] e a fonte de risco, o cambio significativo de velocidade, non foi identificado como factor de risco con anterioridade a este accidente, e posteriormente identificáronse outros 400 puntos en toda a liña da rede xeral", engade. Alén da acusación a Cortabitarte, retira tamén a acción civil contra a aseguradora de Adif, Allianz.

Apoio a Garzón

Antes de principiar a sesión desta terza feira, un numeroso grupo de maquinistas concentrouse nos exteriores do recinto para apoiar publicamente o seu compañeiro de profesión, desde esta mesma mañá único acusado de 80 homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia grave por parte da Fiscalía. "Vimos apoiar a esta persoa que cremos que ao final é unha vítima máis neste proceso e que necesita estar arroupado por todos os seus compañeiros e compañeiras do colectivo de maquinistas", salientou un portavoz do sindicato Semaf.