Remata o xuízo

A fiscal pide inhabilitar a Pachi Vázquez

O ex-alcalde do Carballiño, Pachi Vázquez. (Foto: R.Veiga.POOL / Europa Press)
A fiscal do xuízo contra o ex líder dos socialistas (PSdeG) e ex alcalde do Carballiño, Pachi Vázquez, e contra outros catro edís por prevaricación na contratación de 60 persoas, mantén a acusación e ve "fraude" na cobertura de "necesidades estruturais" con "contratos temporais". 

A decisión de manter a acusación de fraude pola contratación de 60 persoas deuse a coñecer onte, na décima e derradeira xornada do xuízo e na que se presentaron os informes de cada un dos avogados, así como o da acusación por parte do Ministerio Público.

A conclusión realizouna a fiscal cun resumo das nove xornadas precedentes, onde subliñou as declaracións de testemuños como o da segunda secretaria. Dela, lembrou que "so foi capaz de falar en xeral" mentres que tamén chamou á atención sobre o feito de que outra das secretarias asegurase que "rubricar so significaba a existencia do documento e non a legalidade do mesmo".

Tamén se fixo fincapé nas diversas declaracións de persoal que decretaba ter sido chamado polo servizo de emprego pero non lembraba nin como nin en que momento.

Por todo iso, a fiscal elevou as súas peticións de inhabilitación ao rango de definitivas ao considerar que a contratación "pola porta de atrás" implica un delito de prevaricación que ten unhas consecuencias penais.

"Privaron de acceder en igualdade de condicións, ao concatenar os contratos, ao resto da veciñanza", sostivo, e cualificou os feitos de "arbitrariedade groseira e un delito doloso ao saber que vulneraban os principios de mérito, capacidade e publicidade".

A letrada considera, por tanto, que se perseguía que os contratos se convertesen en indefinidos. "Aos acusados non lles importaba, é o que buscaban, e a proba son os decretos que recoñecen esta condición sen esperar a resolución da xurisdición social", asevera.