Finalizan os traballos de extracción do combustíbel do Blue Star

Trasbase de carburantes e aceites do Blue Star (Julio Iglesias)

O proceso de retirada de carburantes do buque varado na ría de Ares rematou na tarde desta segunda feira, 2 de decembro. Pouco antes, produciuse unha vertedura no mar.

O buque Blue Star fica xa sen carburantes no seu depósito, após seren mesturados fuel e gasóleo. Os traballos remataron na tarde desta segunda feira 2 de decembro.

Pouco antes, contra as 11 da mañá, producíase un vertido de dez litros de combustíbel sobre o mar, o que produciu unha mancha de cinco metros cadrados. O vertido debeuse á rotura dunha das mangueiras que levaba o combustíbel entre a popa e o tanque de proa.

A retirada produciuse este 2 de decembro, a pesar de que xa a 24 de novembro o delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, asegurara na Radio Galega que "a prioridade" era "baleirar" de combustíbel o 'Blue Star', encallado na ría de Ares. Losada admitira que o 'Blue Star' contiña a bordo 45 toneladas de fuel e 60 de gasóleo "para a navegación". Preguntado sobre o risco de contaminación, Losada insistiu en que estaban en alerta as barreiras de FeneFerrol e A Coruña "por for preciso actuar".

Durante a extracción nesta segunda feira, mantivéronse na zona o remolcador 'Don Inda', de Salvamento Marítimo e o 'Salvamar Betelgeuse', así como o remolcador 'Ría de Vigo', da Xunta.

Tamén sobrevoou o lugar o helicóptero 'Pesca 2' da Xunta, para comprobar se a vertedura afectara á costa. Outro remolcador continuou cun cabo unido ao Blue  Star, contratado pola empresa  SMIT  Salvage, á súa vez encargada polo armador para o rescate do buque.