Accidente marítimo

O baleirado do 'Blue Star' comeza este sábado tras adiarse máis unha vez

'Nunca Máis' manifestouse a pasada sexta feira en Ares.

A plataforma Nunca Máis manifestouse en Ares a pasada sexta feira cando se cumpre unha semana do encallamento do quimiqueiro na ría de Ares, onde alí permanece cunha carga de 100 toneladas de combustíbel no seu interior.

O baleirado do fuel e do gasóleo que ten nun dos seus tanques o buque Blue Star dará comezo, en principio, este sábado 30 de novembro, despois de que se decidise na xornada da sexta feira adiar o operativo unha vez máis, cando se cumpre unha semana do encallamento do quimiqueiro na ría de Ares.

Despois de que se completasen na quinta feira todas as tarefas necesarias para poder levar a terra o combustíbel, na sexta feira realizouse unha proba con auga desde o buque a un dos camións cisterna para comprobar que non hai fugas e que as bombas teñen presión dabondo para o traslado.

Os ensaios, segundo informou a Delegación do Goberno español na Galiza, «foron satisfactorios», polo que se prevé que o bombeo se inicie este sábado «de non xurdir imprevistos».

Na zona estivo a subdelegada do Goberno español na Coruña, Pilar López Rioobo, acompañada polo alcalde de Ares, o socialista Julio Iglesias. Preguntada polos medios, non quixo dar unha data de cando poderían quedar finalizados os traballos de baleirado nin tampouco os da retirada do buque.

Ademais, a pasada sexta feira, arredor de 200 persoas manifestáronse en Ares convocados pola plataforma Nunca Máis para exixir «información pública, transparente e detallada» sobre a xestión de accidente do Blue Star.