Fin das restricións Covid, Lomloe e inflación: as chaves do vindeiro curso segundo o conselleiro de Educación

As aulas comezan o 8 de setembro. (Foto: Eduardo Sanz / Europa Press).

Román Rodríguez non fixo referencia ao feches de centros nin á mingua de profesorado que xa está a motivar as primeiras convocatorias de protesta.

O vindeiro 8 de setembro comeza o curso escolar en todos os niveis educativos salvo no universitario.

A poucos días da apertura das aulas, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou que será o primeiro no que desaparezan a maior parte das restricións Covid e advertiu que estará marcado pola "caótica" aplicación da nova lei de educación (Lomloe).

Segundo avanzou, a Lomloe, que este ano comeza a implantarse nos cursos impares, xerará problemas por unha xestión "improvisada". "Xa dixemos en diferentes ocasións que a aplicación é caótica e absolutamente descoidada por parte da Administración do Estado. Nótase en moitos aspectos: novos libros, cambios metodolóxicos, novos criterios de avaliación... e todo moi precipitado", apuntou o titular de Educación.

Estamos ante a implantación dunha lei desproporcionada e sen sentido.

A este respecto, defendeu que todas os territorios, independentemente do partido político que os goberne, amosaron "sentidiño" ante a implantación dunha lei "desproporcionada e sen sentido".

Aulas sen restricións para "educar"

Por outra parte referiuse á desaparición "practicamente maioritaria das restricións Covid", co que será "o primeiro curso pospandémico real que vai posibilitar que o profesorado faga o que ten que facer: educar aos nenos".

Román Rodríguez incidiu, por último, no peso do incremento dos custos vinculados á inflación, que se van notar coincidindo co inicio do curso.

Menos docentes

Na dixo da perda de escolas e profesorado que algúns centros comezan a denunciar e á que o BNG puxo cifras o pasado 18 de agosto. O portavoz parlamentario de Educación, Manuel Lourenzo, denunciou un recorte de entre 700 e 800 docentes para o próximo curso na Galiza, polo que lle pediu á Xunta que "rectifique" e convoque oposicións de reposición este mesmo ano.

Estamos loitando porque no nos quiten o que xa temos

Neste sentido a Consellaría acusou o partido da oposición de "inventar" os números e negou que se vai empezar o curso con mil profesores e profesoras menos. Se ben algúns centros e asociacións de pais e nais xa están a denunciar recortes.

Recortes no IES Mendiño de Redondela

É o caso da comunidade do IES Mendiño de Redondela, que o ano que vén contará con catro docentes menos.

O Goberno local de Redondela vén de anunciar a convocatoria dunha concentración que terá lugar a vindeira sexta feira ás 20 horas na Praza do Concello, secundada pola Federación de ANPAS de Redondela, en contra dos recortes do ensino público.

"Estamos loitando porque no nos quiten o que xa temos".