O Festigal acolle a última presentación de SERMOS O DIARIO GALEGO

Unha das presentacións de Sermos O Diario Galego

No marco do Día da Patria Galega, Sermos Galiza instalará unha exposición sobre Sermos O Diario Galego no Festigal, onde ás 18 horas do 25 de xullo terá lugar a última presentación do proxecto, coas intervencións de Margarita Ledo, escritora, investigadora e cineasta; Comba Campoi, investigadora e promotora cultural, e Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza.

As presentacións de Sermos O Diario Galego que percorreron Galiza de norte a sur e de leste a oeste conclúen a próxima cuarta feira, 25 de xullo, no Festigal. Trátase do acto número 50 dos que levaron o proxecto do diario por toda a nación. Un número que coincide coa conmemoración do 50 aniversario do momento en que o nacionalismo galego pendurou a faixa co lema “Viva Galiza Ceibe e Socialista” na Alameda de Compostela para recuperar un día da nación que fora instaurado en 1919 pola II Asemblea Nacionalista.

 

A partir das 18 horas, a Galería das Letras e das Ideas do Festigal acollerá esta última presentación, que contará coa presenza de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A.; Margarita Ledo, escritora, investigadora e cineasta, e Comba Campoi, investigadora e promotora cultural, nomes que se atopan entre os máis de 180 que forman parte do grupo impulsor deste proxecto.

 

No marco do Festigal, Sermos Galiza instalará unha exposición formada por dez paneis, esteticamente rompedores, para divulgarmos o traballo de promoción sobre o diario que se fixo nos últimos meses e para que a xente coñeza esta iniciativa.

 

3.000 subscricións

 

Xoán Costa, tamén conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., explicará no Festigal as liñas básicas de Sermos O Diario Galego, iniciativa que se anunciou o 24 de novembro de 2017 e que se deu a coñecer publicamente en Compostela o 27 de xaneiro de 2018, nun acto en que participou unha nutrida representación do tecido social, cultural, político e veciñal.

 

A partir de entón, Sermos Galiza encetou unha campaña de difusión e socialización dun proxecto que precisa un mínimo de 3.000 subscricións antes do 31 de xullo para facer o diario viábel economicamente e para facelo unha realidade en 2019. As subscricións non se cobrarán no momento de realizalas, senón en 2019 e só se se acadan as 3.000 mínimas para sacar o proxecto adiante. As persoas subscritoras deste semanario teñen que subscribirse á nova cabeceira, xa que Sermos O Diario Galego comeza de cero. Sermos Galiza continuará a editarse con carácter semanal, mais distribuirase os sábados, como suplemento fin de semana dentro do diario.

 

Características do diario

 

Sermos O Diario Galego concibiuse coa vontade de chegar a todo o pobo galego, desde unha visión plural do país, para facer visíbel a nosa lingua, a nosa cultura e a nosa realidade, é dicir, para atender os temas que nos interesan, tendo en conta que as cabeceiras diarias que se editan en papel na Galiza non prestan atención a aquela axenda propia que abrangue desde a lingua e a cultura até os feminismos, a historia, a memoria, a diáspora, o traballo, o ecoloxismo ou as liberdades e dereitos civís.

 

O diario, que apostará en que a lectora e o lector tiren as súas propias conclusións, ofrecéndolle unha información verificada, contrastada e afastada da posverdade, publicarase en papel de terzas a sábado con 32 páxinas a cor e sairá un total de 258 días ao ano. Tamén terá unha edición en liña, que se actualizará no momento, segundo se produza a información, os sete días da semana. Esta edición na rede tamén recollerá parte do contido que se publique no papel.

 

Uns actos que chegaron a máis de 1.500 persoas

 

O 25 de maio encetaban os actos de presentación de Sermos O Diario Galego con dous actos que tiñan lugar na Coruña e en Soutomaior. Seguíaos Arzúa; Bueu; As Neves; Barro; Cambados; As Pontes de García Rodríguez; Arteixo; Culleredo; Gondomar; Cambre; Ponteareas; Ribeira; Mugardos; Betanzos; Vigo; Ribadeo; Outeiro de Rei; Allariz; Viveiro; Oleiros; Cangas; A Estrada; Carballo; Ribadavia; Ourense; Moaña; Compostela; Narón; Ferrol; Lugo; Redondela; Chantada; Marín; Vilalba; Monforte; Verín; O Barco de Valdeorras; Foz; Sada; Vilagarcía de Arousa; Negreira; Salceda de Caselas; Carnota; Teo; O Porriño e A Laracha. Esta quinta feira, día 19, terá lugar o acto de Rianxo –ás 21 horas no Salón de Plenos do concello, co alcalde, Adolfo Muíños; co escritor Xosé Luís Axeitos, e co presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa–. Chegouse até este momento a máis de 1.500 persoas grazas ás convocatorias realizadas por asociacións sociais, culturais e veciñais de diversa índole, que foron as que organizaron estas presentacións