Ferrol acolle este sábado a primeira das mobilizacións do Orgullo LGBT 2022

Manifestación de Avante LGBT. (Foto: Nós Diario).
Con motivo do mes do Orgullo LGBT, Ferrol acolle este sábado ás 12.30 horas a mobilización convocada por Avante LGBT, con saída desde a praza de Amada García.

Con motivo do mes do Orgullo LGBT, Ferrol acolle este sábado ás 12.30 horas a mobilización convocada por Avante LGBT, con saída desde a praza de Amada García. Decorrerá baixo a reivindicación dunha "perspectiva interseccional", segundo adiantou en declaracións a Nós Diario Ana Amigo, de Avante LGBT Ferrolterra.

"Tecer alianzas"

"A situación do colectivo LGBT non a imos mellorar soas nin en grupos separados, precisamos tecer alianzas e queremos deixalo claro no orgullo deste ano", asevera Amigo, que aproveita para denunciar a situación de "crecemento do fascismo tanto no Estado español como a nivel mundial que está a ser abafador".

Este aumento do fascismo percíbese claramente, di, "coa aprobación da anulación da protección do aborto nos Estados Unidos". Acerca das diferentes actividades que terán lugar na cidade ferrolá polo Orgullo LGBT 2022, encóntranse unha comida na Asociación de Veciños de Canido, lugar en que tamén decorrerán as actividades da tarde deste sábado.

Entre elas está un coloquio posterior á presentación do libro A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea, de Daniela Ferrández. Finalmente, finalizadas estas actividades levarase a cabo unha festa no propio local da Asociación de Veciños.

Outras actividades no país

A reivindicación do Orgullo tamén decorrerá en diferentes puntos do país. En Vigo, a asociación Nós Mesmas xa comezou coas actividades e o vindeiro día 2 de xullo organizan unha manifestación polas rúas da cidade olívica.

En Compostela ten lugar tamén este sábado unha 'Gala do Orgullo', mentres que en Lugo, A Coruña e Ourense, o día 28 deste mes haberá manifestacións. Localidades como Pontevedra e Baiona tamén organizan mobilizacións.