Ameaza de privatización

Ferreiro non exclúe totalmente que se podan construír vivendas na fachada marítima coruñesa

Defensa do Común pide a reversión gratuíta de todos os peiraos ao concello. O Goberno municipal defende agora un consorcio entre administracións para definir o futuro da fachada marítima, sen desbotar totalmente que poda haber un "mínimo uso residencial".

"Eu creo que non deberíamos incidir na parte residencial. Non a descarto totalmente, por así dicilo. Pero creo que non debería ser o forte da reordenación dos usos dos terreos [portuarios]", declarou esta segunda feira o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

María Pita propón agora un consorcio con Portos do Estado, a Xunta e a Deputación para ordenar a fachada marítima.

A intención sería deixar atrás o convenio asinado en 2004 polo concello e o Ministerio de Fomento en que se prevía a venda dos catros peiraos do porto interior da Coruña para financiar a construción da dársena exterior de Ponta Langosteira.

Isto non quer dicer -a teor do dito por Ferreiro- que se exclúa a hipótese de que parte dos terrenos se podan privatizar para o seu uso residencial.

A posición que defende o goberno de Ferreiro bate coa que defende a Comisión Aberta en Defensa do Común -plataforma cívica en que está integrada a Marea Atlántica- claramente partidaria de que todos os terrenos volten a mans municipais -e de balde- para usos exclusivamente públicos.

Defensa do Común non ve un problema no convenio de 2004. "Que se redacte un novo que non discrimine esta cidade. En Valencia Fomento transferiu un millón de metros cadrados, o duplo do porto da Coruña, ao concello sen a administración local pagar un só euro de contrapartida. Queremos exactamente o mesmo para a nosa cidade", afirma a Sermos Manolo Monge, integrante da comisión aberta.