O Pleno do Concello da Coruña dá o primeiro paso 

A consulta sobre a fachada marítima da Coruña, condicionada ao apoio do PSdeG e ao plácet da Moncloa

Cos votos da Marea Atlántica e do BNG -e a abstención do PSdeG- o Pleno do Concello da Coruña aprobou esta segunda feira a moción impulsada por Defensa do Común para submeter a consulta popular a reversión gratuíta á cidade dos terrenos afectados polo porto e o ministerio de Defensa. Mais isto non garante que o referendo se vaia realizar.

A moción impulsada pola Comisión Aberta en Defensa do Común tiña dous elementos. O primeiro, expresar o respaldo a unha manifestación que irá ter lugar o 7 de maio. O segundo, apoiar a convocatoria por parte do concello dunha consulta popular cunha pergunta moi clara: están as veciñas e os veciños a prol da devolución gratuíta á cidade dos peiraos do porto, o complexo deportivo de A Solana e o Hotel Finisterre, ben como o antigo cárcere provincial e os solares de Defensa da Maestranza?

Ao ser aprobada a moción polo Pleno, o primeiro paso rumo á consulta popular está dado -a expresión de vontade política por parte do concello-, mais pode ser insuficiente para que se materialice o referendo.

E iso por dúas razóns.

A primeira é que, segundo o regulamento de participación cidadá do concello (aprobado durante os anos do vazquismo, en 2004), as consultas populares deben ser aprobadas, a instancias da Alcaldía, por maioría absoluta. Isto é, por un mínimo de 14 concelleiras e concelleiros. Esta segunda feira, a moción só obtivo 11 votos (10 de Marea Atlántica, 1 do BNG). O apoio do PSdeG é, por tanto, conditio sine qua non. E non parece que o grupo municipal socialista vaia mudar de posición, a teor do dito esta segunda feira polo seu portavoz, José Manuel García. O edil socialista ve na consulta un atranco para o proceso de negociación entre a Autoridade Portuaria, Portos do Estado e o concello. 

"Hai tempo e espazo para unha consulta popular que lexitime a posición dos nosos negociadores", dixo.

Isto traducido viría significar que o PSdeG estaría por unha consulta popular, mais cunha pergunta distinta. A promovida por Defensa do Común inclúe unha pergunta taxativa sobre se a reversión ao público dos bens afectados polo porto e Defensa ten de ser gratuíta ou non. O Concello está máis ben por negociar co Estado a recuperación deses espazos mais cunha contrapartida económica (1,4 millóns de euros en concreto para o complexo de A Solana). O PSdeG estaría, portanto, a favor dunha consulta sobre o resultado da negociación entre as partes e non cunha pergunta cuxo espírito -a reversión gratuíta- nen sequer é asumido polo goberno local.

As consultas populares teñen necesariamente que seren autorizadas polo Consello de Ministros, segundo prescrebe a lei de bases do réxime local

O segundo atranco -no caso de o primeiro, o da necesidade da maioría absoluta no Pleno, ser superado- é o da necesaria autorización do Estado. A lei de bases do réxime local é taxativa a este respeito, as consultas populares deben ser autorizadas polo Consello de Ministros. Defensa do Común non debería facerse moitas ilusións a ese respeito, sendo que a portavoz do PP, Rosa Gallego, enfatizou onte no Pleno que é perfeitamente posíbel que o Estado desautorice a convocatoria da consulta co argumento de que pretensamente aborda unha cuestión que non é competencia do concello. Gallego advogou por unha saída negociada entre as partes.

No debate legal entrou a asesoría xurídica do concello que, interpelado pola equipa de Ferreiro ao respeito, emitiu un informe en que se sustenta a tese de que a consulta si pode realizarse porque a ordenación urbanística da fachada marítima constitúe "unha competencia municipal propia".

Porén, a Asesoría Xurídica sinala que o feito de se tratar dun asunto que atinxe a outras administracións dota de "complexidade" á "formulación da pergunta ou perguntas que pretendan submeterse á consulta popular".

Xiao Varela, concelleiro de Urbanismo, bateu contra o Estado, de quen dixo que "traballa coa cidade como se fose unha imobiliaria", mais a seguir apelou aos convenios asinados polo concello en 2004 -que reputou como un "lastre"- e que, segundo a equipa de Ferreiro, atarían o goberno municipal e obrigarían a cidade a asumir parte da factura da construción do porto exterior (a meio da venda dos terrenos portuarios).

Moción de confianza

De por parte, esta segunda feira extinguiuse o prazo para a apresentación dunha moción de censura no Pazo de María Pita vinculada á cuestión de confianza á que recorreu Xulio Ferreiro para aprobar os orzamentos para 2017.

Ao teren decorridos os tres meses que prevé a lei sen que PP e PSdeG pactasen unha candidata alternativa a Ferreiro para a Alcaldía, a confianza considerase outorgada e as contas da Marea Atlántica para 2017 -o proxecto orixinario, sen emendas- fican automaticamente aprobadas.