Privatización da fachada marítima

Ferreiro alerta de que o porto coruñés quer vender en 2017 os peiraos de Calvo Sotelo e Batería

Peiraos de Calvo Sotelo e Batería.

O Plano de Empresa da Autoridade Portuaria para 2017 prevé un ingreso de 25 millóns de euros pola venda dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, ben como polo complexo deportivo de A Solana e o Hotel Finisterre.

Nunha entrevista en Radio Coruña, o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, acusou o Ministerio de Fomento de rachar o acordo alcanzado co Concello para no seu día pactar o uso que se lle daría aos peiraos do porto coruñés, que serán desafectados tal e como estaba previsto no momento en que se planificou a construción da dársena exterior de Ponta Langosteira, xa plenamente operativa.

Ese pacto ficou en nada unha vez que o Plano de Empresa da Autoridade Portuaria coruñesa para 2017 contempla ingresos por valor de 25 millóns de euros pola venda dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, ben como polo complexo deportivo de A Solana e o Hotel Finisterre.

A Autoridade Portuaria -en cuxo consello de administración a Xunta ten tres representantes, a comezar pola conselleira Beatriz Mato- estaría embarcada nun proceso de privatización da fachada marítima da cidade, estima o concello e a Comisión en Defensa do Común.

A cifra de negocio do porto coruñés apenas alcanzou os 23 millóns de euros este exercicio e o problema é que arrastra unha elefantiásica débeda de 300, xerada en boa parte pola construción do porto exterior.

María Pita e Defensa do Común entenden que a dársena exterior debe ser financiada integramente polo Estado -como ten acontecido co porto exterior de Xixón, por exemplo- e non sobre a base da privatización do patrimonio público da cidade.