Concello da Coruña negocia a compra sen aparentes opcións de éxito

A Comisión en Defensa do Común propón estudar a expropiación dos terrenos da Solana e o Hotel Finisterre

Un aspecto do complexo A Solana-Hotel Finisterre

Continúa a batalla na Coruña por evitar a privatización de parte da fachada marítima da cidade, en concreto os terrenos que ocupan o Hotel Finisterre e o complexo deportivo adxacente coñecido como A Solana.

A Comisión en Defensa do Común convocou esta sexta feira aos meios para anunciar novas mobilizacións en defensa da reversión ao espazo público dos terrenos, sen o pagamento de ningunha contrapartida económica. Mentres, o concello continúa a apostar na vía da poxa, embora a súa oferta -1,3 millóns de euros- estea moi lonxe de satisfacer as apetencias da Autoridade Portuaria, que tería unha proposta de 10 millóns por parte do actual titular da concesión.

“O concello ten que manterse firme. Tería que facer unha grande convocatoria cidadá. En definitiva, conseguir a reversión dos terrenos á cidade como equipamentos públicos”, declarou esta sexta feira Ricardo Vales, portavoz da Comisión cidadá.

A Comisión defende que mesmo se estude a hipótese da expropiación duns terrenos que en orixe constituían a praia do Parrote e que foron espoliados pola ditadura. “Hai algúns estudos xurídicos que mesmo falan da expropiación. Eu non son xurista, mais hai xente que está traballando niso e recabaremos un informe para ver se o concello o pode facer”, dixo Vales, para que non ten senso ningún pagar por un ben que pertence ao patrimonio público.

A Xunta non lle ve ningún problema á privatización dun espazo público que foi espoliado baixo a ditadura

Mentres, o alcalde da cidade, Xulio Ferreiro, afirmou esta sexta feira, no discurso de fin de ano, que o goberno local se nega a “que se exerza a especulación cos espazos públicos da nosa cidade”. “A fachada marítima constitúe unha xoia e só ten un dono lexítimo, a xente da Coruña”, dixo, ao tempo que avaliou que “aplicar lóxicas de mercadillo sobre o futuro da cidade é o camiño máis curto para conducirnos a un estrepitoso fracaso”.

Até o momento, concello e comisión discrepan nun ponto esencial deste asunto: aquel entende que a vía para recuperar os terrenos é a poxa, esta defende que a reversión debe ser gratuíta.

A Autoridade Portuaria, por súa parte, alega que precisa o diñeiro para enxugar a súa débeda.

A Xunta, que ten representación no consello de administración do porto coruñés, afirma que no caso de a subasta resultar na venda a mans privadas iso “non suporía ningunha diferenza para os cidadáns”, pois complexo deportivo e hotel levan “décadas tendo un uso privado”.