Entrevista

Fernando de Abel: "A normativa eólica galega vulnera a estatal e a europea"

O profesor da Universidade de Santiago Fernando de Abel Vilela. (Foto: Y. C.)
Fernando de Abel Vilela é profesor de Dereito Administrativo na Universidade de Santiago de Compostela e autor de diferentes traballos sobre a normativa eólica na Galiza. Nesta conversa analiza para Nós Diario a lexislación galega e advirte da súa contradición coa estatal e a europea.

—O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de decretar a paralización cautelar de varios parques eólicos promovidos pola empresa Greenalia na comarca de Bergantiños. En que se fundamenta tal decisión?
Fundaméntase en garantir a efectividade da futura sentenza. É importante que por primeira vez en relación con proxectos eólicos na Galiza a adopción da medida cautelar vai evitar que se cause un dano real ao medio ambiente, pois infelizmente as anulacións xudiciais das autorizacións dos parques de Sasdónigas (Mondoñedo), Serra do Oribio (Samos e Triacastela) e Corme (Ponteceso) chegaron cos parques en operación ou coa construción dos mesmos avanzada.

Por outra parte, resultou determinante para o acollemento da medida cautelar que invocásemos a concorrencia de ilegalidades na tramitación das autorizacións dos parques exactamente coincidentes coas que levaron o tribunal a anular as autorizacións relativas á repotenciación do parque eólico Corme.

—Alén das solicitudes de suspensión cautelar, en que motivaron as pretensións de anulación das autorizacións dos parques?
As impugnacións xudiciais motiváronse na concorrencia de fragmentación artificial dun único proxecto en tres, e na vulneración da normativa estatal e a da Unión Europea en canto á participación pública no procedemento de avaliación ambiental. A práctica da fragmentación artificial de proxectos menoscaba a posibilidade de acometer unha avaliación ambiental completa e acaida, segundo teñen declarado tanto os tribunais estatais como o propio Tribunal de Xustiza da UE. Por outra parte, a participación pública na avaliación ambiental vulnerouse pola redución á metade de prazos no trámite de información pública e pola non posta a dispor da cidadanía dos informes sectoriais no contexto dese trámite.

—As súas accións xudiciais céntranse nestes proxectos desenvolvidos por Greenalia. Porén, poden estar dándose casos semellantes noutros parques doutros promotores eólicos?
As ilegalidades relativas á participación pública xa foron declaradas polo TSXG en relación co proxecto de repotenciación do parque Corme, e reitéranse en canto a outros moitos procedementos de autorización aínda non finalizados, pois a redución de prazos é contraria á lei estatal e á Directiva europea de avaliación ambiental, así como a non achega dos informes sectoriais ao trámite de información pública, como consecuencia das modificacións introducidas na lei eólica galega pola lei de "depredación" do ano 2017, que introduciu a posibilidade de que o Consello da Xunta declarase de especial interese proxectos de produción de enerxía eléctrica renovábel, así como a figura das iniciativas empresariais prioritarias.

—A lexislación comunitaria e a estatal fixan un prazo mínimo de un mes na exposición pública dos proxectos. Até que punto a nova normativa galega vulnera isto?
Estanse vulnerando ambas as normativas de forma radical. Cómpre considerar que o artigo 6.7 da Directiva europea de avaliación ambiental expresamente dispón que o prazo fixado para a consulta do público interesado -é dicir, o prazo da información pública- non será inferior a 30 días, e a Lei estatal de avaliación ambiental, no seu artigo 36.1, di o mesmo.

En aras dos mantras da simplificación administrativa e do impulso de iniciativas empresariais escollidas a dedo, esta regulación autonómica que contravén as normas do Estado e da UE, ten un potencial devastador en termos de previsíbeis esixencias de responsabilidades públicas derivadas da anulación de autorizacións.

Greenalia, ante a Xustiza

Fernando de Abel leva moitos anos estudando o proceso de desenvolvemento eólico na Galiza e colaborando na defensa das comunidades rurais fronte ás eléctricas. Asemade, fai parte do equipo xurídico que conseguiu a paralización de diversos parques eólicos de Greenalia. No caso destas instalacións dáse unha "fragmentación artificial" dos proxectos e "irregularidades" en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública.

O profesor da USC entende que "a denominación de parques de interese autonómico provén da aplicación dunha técnica lexislativa espuria que consiste en atribuír ao órgano de Goberno, neste caso á Xunta da Galiza, unha marxe de discrecionalidade total, que obviamente deriva en arbitrariedade, prohibida pola lei, para decidir cando lle convén que un proxecto sexa ou non de interese".