Fernando de Abel, vogal de Dereito de Adega: "A lexislación está concibida para favorecer os promotores eólicos"

Fernando de Abel Vilela, nesta quinta feira, na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas. (Foto: Y. C.)
O doutor en Dereito —e vogal de Dereito Ambiental de Adega— Fernando de Abel Vilela conversa con 'Nós Diario' após reunirse con membros da Comisión Europea, xunto a unha delegación de Adega e do BNG, para trasladar dúas denuncias por infraccións de normas comunitarias na tramitación de eólicos.

—Que conclusións extrae do encontro no que a Comisión Europea se comprometeu estudar as denuncias por posíbeis infraccións do Dereito comunitario na tramitación de parques eólicos?
Foi un paso importante, tivemos a oportunidade de expor as denuncias e manter un diálogo coa Comisión. Foi un diálogo franco, temos o compromiso de que as estudarán a fondo e seguimos coa esperanza de que prosperen.

—Vostede fixo fincapé en que a Xustiza probou eses incumprimentos con tres sentenzas, dúas delas ratificadas polo Supremo.
Unha cousa é que se poidan formular lexitimamente dúbidas sobre se un Estado cumpre ou incumpre o que dispón o dereito comunitario, e outra, neste caso, que teñamos xa resolucións xudiciais que recoñecen que a Xunta da Galiza, na aplicación do dereito interno, incumpriu contido das directivas comunitarias.

—Como afectarán ao desenvolvemento eólico da Galiza os obxectivos de Bruxelas para a seguridade enerxética acelerando a tramitación de proxectos de renovábeis?
Estamos realmente nunha encrucillada, porque non se pode pór en dúbida que estamos a vivir unha crise enerxética derivada non só da guerra de Ucraína, senón tamén doutros factores, que fai preciso e conveniente avanzar cara ás enerxías renovábeis. Por iso pódese pór enriba da mesa a necesidade de simplificar tramitacións administrativas, de eliminar trabas, de axilizar os procedementos... Para que todo isto vaia adiante cando antes.

Pero, por outra parte, iso ten que ser contrapesado coas garantías e os dereitos dos particulares, porque cando se estabelecen parques eólicos ou calquera instalación industrial, sobre todo as intensivas en uso de solo, inevitabelmente prexudica os intereses de terceiros, que van máis aló de ser o mero propietario dun predio, xa que moitas veces chegan mesmo a pór en risco o medio de vida de moita xente que vive, precisamente, dos ámbitos territoriais onde se van implantar.

Por iso entendemos que, alén de que as propias directivas comunitarias recoñezan eses dereitos, teñen que ser debidamente salvagardados os intereses da cidadanía á hora de tramitar e estabelecer eses parques eólicos.

—Como valora que boa parte dos parques eólicos tramitados pola Xunta reciban a denominación de 'interese autonómico'?
Este tipo de cualificacións proveñen normalmente da aplicación dunha técnica lexislativa espuria que consiste en atribuír ao órgano de goberno, neste caso a Xunta, unha marxe de discrecionalidade total, que obviamente deriva en arbitrariedade, prohibida pola lei, para decidir cando lle convén que un proxecto sexa ou non de interese.

Vemos aquí esa pugna que hai pola posíbel colocación de elementos dos parques eólicos fóra das áreas de desenvolvemento eólico, que ten que ser autorizada polo Consello da Xunta. Cando se trata de parques de tramitación autonómica parece ser que se autorizan todos; cando son os do Estado, non se autoriza ningún. A posición da cidadanía está nun nivel; a dos promotores eólicos, que normalmente son multinacionais, está noutro moi superior, e a lexislación e quen teñen que aplicala están concibidas para favorecer eses promotores eólicos.

—Cales serán os seguintes pasos de Adega tras o traslado destas denuncias a Bruxelas?
Seguiremos loitando na mesma liña, nestes momentos estamos a impugnar xurisdicionalmente a tramitación de tres proxectos eólicos que se están sometendo a autorización. E no futuro inmediato seguiremos facendo o mesmo, collendo supostos de autorizacións que vaian outorgando a Xunta ou o Goberno do Estado nas que detectemos posíbeis irregularidades como as que viñemos denunciar a Bruxelas e procedendo a impugnalos na Xustiza. Iso é algo que, por desgraza, só na teoría está ao alcance de calquera xa que ten uns custos, e para iso están as organizacións como Adega, concibida non para defender ningún interese particular senón para defender un interese xeral da cidadanía.