Xustiza

Fernández de Sousa atrasa a entrada en prisión á espera de que o Supremo decida se volve rebaixar a pena

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente de Pescanova, durante o xuízo. (Foto: Pool / Europa Press)
O ex presidente de Pescanova foi condenado pola Audiencia Nacional a oito anos de cárcere, mais o Supremo revisou o veredicto e reduciuna a seis e agora podería quedar finalmente en catro anos e medio após unha nova apelación.

O ex presidente de Pescanova, Manuel Fernández de Sousa-Faro, atrasou a súa entrada en prisión até que o Tribunal Supremo decida "nos próximos días" se lle rebaixa a pena imposta, que podería quedar en catro anos e medio ou ben cinco anos, no canto dos seis aos que xa rebaixara o Supremo a pena inicial de oito anos decretada pola Audiencia Nacional.

Así o indicaron fontes da súa defensa á axencia Europa Press, en concreto o avogado Gonzalo Martínez-Fresneda, que explicou que veñen de solicitar aos maxistrados unha rectificación por "erro material" na sentenza no que se refire aos delitos que se lle imputan e as súas correspondentes penas.

Nomeadamente, o empresario foi condenado, entre outros, por un delito continuado de falseamento de información económico-financeira, a pesar de que non se aprecia "ningunha sorte de continuidade delituosa" a xuízo da defensa. Por iso, Martínez-Fresneda pediu ao Supremo que este delito pase a supor unha pena de tres anos e tres meses de prisión, en lugar dos catro anos e medio de cárcere que se recollen na sentenza.

A pesar disto, recoñeceu que Fernández de Sousa terá que entrar en prisión xa que, aínda que a pena mingüe de novo, seguirá a ser o suficientemente elevada para que non poida evitar o seu ingreso no centro penitenciario.

Sobre os prazos nos que esta circunstancia podería ocorrer, subliñou que esta segunda feira remata o tempo que o tribunal outorgou á Fiscalía para que se pronuncie sobre a rebaixa de pena e, "nos próximos días", prevese que o Supremo comunique o veredicto definitivo ao condenado. A partir de aí, disporá dos prazos que estabelece a lei para entrar en prisión.

Todo iso despois de que hai unhas semanas o alto tribunal rebaixase, de oito a seis, a pena de cárcere ditada pola Audiencia Nacional contra o expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa, ao absolvelo dos delitos de estafa, falsidade documental e aplicar unha atenuante por dilacións indebidas, confirmando o resto da condena por manipular as contas para captar investidores.

Así, na súa sentenza, a Sala do Penal ratificou a condena a Fernández de Sousa-Faro como autor dun delito continuado de falsidade nas contas anuais en concurso medial cun delito tamén continuado de falseamento de información económica e financeira, así como por delito de alzamento de bens. É o delito continuado de falseamento de información económica o que agora a defensa confía en que se modifique.