“Tanto pode ofender unha bandeira galega?”: Fernán Vello denuncia no Congreso a multa a un pesqueiro por izar unha bandeira galega de igual tamaño cá española

O malestar polas multas e sancións a barcos pesqueiros galegos por levar izadas bandeiras galegas de igual tamaño que as españolas chega ao Congreso. O deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello presentou unha pregunta ao respecto a raíz de se coñecer que un barco pesqueiro da Coruña foi sancionado con 100 euros de multa por enarbolar un pavillón galego de igual tamaño que o español.

 

O parlamentar afirma que “causa estupor” que un mariñeiro teña que facer fronte a multas económicas por feitos deste tipo. “Cabo preguntarse a que se debe tal exceso de celo cando as bandeiras autonómicas son bandeiras oficiais”, argumenta na pregunta, ao tempo que insta a revisar unha lexislación que permite este tipo de sancións.

 

“Tanto pode ofender que unha bandeira galega non sexa 1/3 inferior a unha española [tal e como fixa a lexislación] nun barco pesqueiro?”. pregunta Fernán Vello. “Non cre que unha normativa tan sancionadora no relativo a bandeiras resulta un tanto caduca?”, cuestiona o deputado.

 

Non é un caso isolado

 

Cen euros de multa tivo que pagar Manuel Iglesias, patrón e armador do pesqueiro ‘Cabo de Hornos II’, por ter izada no barco unha bandeira galega de tamaño non inferior á española. A cousa puido ser peor pois o expediente sancionador, aberto pola Capitanía Marítima de Santander, contemplaba unha multa de até 120.000 euros. “Paguei os 100 euros, claro, pero continúo sen verlle ningún sentido á multa”, afirma Iglesias.

 

Non é un caso isolado. Xa en 2013 había queixas e denuncias de mariñeiros sobre as advertencias de multas e expedientes incoados a pequenas embarcacións de baixura da Ría de Arousa por non levar a bandeira española. En marzo de 2015 contabamos a sanción na Coruña a 2 embarcacións de artes menores por non levar a enseña do Estado español.