Multan un pesqueiro da Coruña con 100 euros por levar izada unha bandeira galega de igual tamaño cá española

O Cabo de Hornos coas dúas bandeiras izadas nunha imaxe de arquivo. [Foto:cedida]

O patrón do ‘Cabo de Hornos II’ expoñíase a unha sanción de até 120.000 euros. Mantén izada no barco a bandeira branquiazul e afirma que hai máis barcos multados.

Cen euros de multa tivo que pagar Manuel Iglesias, patrón e armador do pesqueiro ‘Cabo de Hornos II’, por ter izada no barco unha bandeira galega de tamaño non inferior á española. A cousa puido ser peor pois o expediente sancionador, aberto pola Capitanía Marítima de Santander, contemplaba unha multa de até 120.000 euros. “Paguei os 100 euros, claro, pero continúo sen verlle ningún sentido á multa”, afirma Iglesias.

 

Os feitos aconteceron en Santoña, Cantabria, en cuxo porto o ‘Cabo de Hornos II’ estaba amarrado a comezos de 2016. Unha patrulla da Garda Civil que pasaba polo peirao iniciou a denuncia, na que o barco podía incumprir até catro puntos no que atinxe á regulación das bandeiras nun barco.

 

Non pode superar un terzo do tamaño da española

 

O uso da bandeira de España e doutras enseñas a bordo de navíos no Estado está regulada polo Real Decreto 2335/1980, do 10 de outubro. Unha norma que contén tres puntos máis que clarificadores: calquera barco, sen importar do tipo que for, enarborará como “único pavillón” a bandeira española. Que, ademais, deberá ondear no pao de popa e o cumio do pao máis alto da embarcación. Este RD deixa ben claro que non se poderá izar ningunha outra bandeira se non o está a española. E sempre que as dimensións desas bandeiras non superen o terzo da área da enseña española.

 

Pódese izar a bandeira galega? Pódese, indica esta lexislación, igual que calquera bandeira recoñecida nos estatutos de autonomía. Pódense izar en portos nacionais e augas interiores, iso si, sempre que estea ondeando tamén a española, e a galega non supere 1/3 do tamaño desta.

 

Discriminación

 

Embora a multa, Iglesias recoñece que mantén izada a bandeira galega no barco. Mantén vixente a pregunta que se facía o ano pasado: “Por que a bandeira galega non pode ser do tamaño e estar á altura da española nun barco? Non o está nos edificios oficiais de Galiza?”.

 

Afirma que el non é o único multado por este tipo de situacións. “Hai máis xente, mais prefiren calar, pagar e non buscarse problemas”, indica. “Xa sabes, en Galiza somos así, vemos un uniforme ou un tipo con garabata e xa nos entra o medo”, engade con retranca.

 

Multas na Ría de Arousa e Armada en Catalunya

 

En xullo de 2013 no Sermos Galiza informabamos das queixas e denuncias de mariñeiros sobre as advertencias de multas e expedientes incoados a pequenas embarcacións de baixura da Ría de Arousa por non levar a bandeira española. En marzo de 2015 contabamos a sanción na Coruña a 2 embarcacións de artes menores por non levar a enseña do Estado español.

 

En outubro de 2012, e segundo recollían diversos medios, un navío da Armada española fixo acto de presenza nos portos cataláns de Cambrills e Roses para obrigar a volver a terra a aqueles barcos pesqueiros que non levaban izada e ben visíbel a bandeira española