Nove feridos, dous deles menores, nun accidente con catro coches implicados en Vigo

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
Os nove implicados sufriron feridas de carácter leve.

Nove persoas, entre elas dúas menores de idade, resultaron feridas nun accidente múltiple de circulación no que se viron implicados até catro vehículos durante a noite desta pasada cuarta feira en Vigo. A colisión en cadea produciuse ao fío das 22.30 horas na rúa do Miradoiro, en Castrelos, segundo informa hoxe a central de emerxencias do 112-Galiza.

Tras recibir o aviso por parte dunha das persoas implicadas, a central de emerxencias alertou a Urxencias Sanitarias-061, que mobilizou tres ambulancias até o lugar do incidente. Os nove implicados sufriron feridas de carácter leve. Dous deles, unha muller de 45 anos e un menor, recibiron a alta no punto e non foi necesario o seu traslado.

Os sete restantes, entre os que había un menor, ademais de cinco mulleres e un home con idades comprendidas entre os 25 e os 52 anos, foron evacuados ao hospital privado Povisa e ao centro médico de Concheiro.