Feministas rexeitan a pena de só tres anos aos violadores de Baleira

Concentración feminista en Lugo, esta quinta feira. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O Concello baleirés votará o rexeitamento da sentenza.

O Concello de Baleira, na comarca da Fonsagrada, anunciou esta quinta feira que convocará un pleno extraordinario para sacar, "unanimemente", un comunicado de repulsa tras a sentenza polas reiteradas agresións sexuais a unha menor, pola que foron condenados a tan só tres anos as persoas procesadas no xuízo —a irmá, o marido desta e mais o seu irmán—.

O alcalde da localidade, Ángel Martínez, confirmou que "no pleno ordinario decidiuse facer un extraordinario, unha vez coñecida a sentenza, e nese pleno decidirase se sacar un comunicado de repulsa e que tipo de accións se poden desenvolver".

A sentenza recolle a redución de condena a tres anos de cárcere debido ao pacto asinado entre o Ministerio Público e os acusados e alégase "dilacións" non imputábeis ás persoas encausadas, así como resarcimento á vítima, e pagarlle 50.000 euros de indemnización.

Martínez secundou que "a sentenza non queda outra que acatala, pero imos ver que pasos seguimos a partir de agora". En canto a accións a levar a cabo, o alcalde puntualizou que persegue "expresar a repulsa unánime" da corporación, polo que suxeriu que podería convocar unha manifestación ou incluso promover "a iniciativa dun veciño de recoller sinaturas". "Calquera cousa, pero que isto non volva repetirse e a sociedade se conciencie de que coa violencia non se vai a ningún lugar", explicou. 

Mobilización

Entidades como a Plataforma Feminista de Lugo, o Foro Feminista ou a Marcha Mundial das Mulleres convocaron esta quinta feira unha concentración ante a Audiencia Provincial de Lugo.

Baixo o lema 'Contra o silencio cómplice, contra a xustiza patriarcal' e ante o que consideran "feitos moi graves", protestaron para reclamar a dotación dos medios "necesarios" para alertar sobre as violencias contra as nenas e as mulleres. Pediron, entre outras cousas, un xulgado específico de violencia de xénero en Lugo e outros xulgados comarcais que "cumpran a mesma función" no territorio.