Feministas galegas denuncian o "branqueo e romantización" da xestación subrogada

Tres refuxiadas ucraínas son guiadas por policías tras cruzar a fronteira con Polonia cos seus bebés (Foto: Michael Kappeler / dpa).
O ataque ruso sobre Ucraína volveu situar no foco a xestación subrogada, unha práctica ilegal no Estado español pero consentida no país en guerra. Nos últimos anos converteuse no centro da xestación por substitución. Cada vez máis parellas 'alugan' o ventre dunha muller ucraína e compran alí os fillos que non poden ter.

A pandemia da Covid foi a primeira en revelar a dimensión da xestación subrogada en Ucraína. O feche provocado pola crise sanitaria obrigou a suspender a entrega de centos de bebés que familias de todo o mundo compraran meses antes do colapso provocado polo coronavirus. As imaxes de ducias de crianzas de poucos días, amoreadas e recluídas nun hotel de Kiev, deron conta na primavera de 2020 dunha realidade que só se relata a medias, sinala a Nós Diario Sandra Afreijo, membro de MaterFem, Maternidades Feministas Galegas.

A proba, di, témola na propia contorna, nas historias e nos titulares que estes días reparan na situación das familias que esperan un bebé a 3.000 quilómetros de distancia, que describen a súa "angustia" e "desesperación" mentres obvian a seguridade e os coidados das mulleres ás que pagaron por dar a luz os seus fillos e fillas nun país en guerra.

"Nós preferimos falar de explotación reprodutiva máis que de xestación subrogada. Parécenos un termo máis axeitado, pois non deixa de ser unha compravenda de bebés baseada na explotación reprodutiva dunha muller pobre que o fai a cambio de diñeiro".

O ventre de Europa

En Ucraína, o negocio dos ventres de aluguer é legal. Con todo, éo a conta dun marco normativo feble no que a regulación da xestación subrogada deixa sen amparo ningún as mulleres que dan o paso e se ofrecen como nais de aluguer.

Segundo a plataforma estatal Stop Ventres de Aluguer, un terzo da poboación ucraína vive por baixo do limiar da pobreza, máis acusada no caso das mulleres. Esa penuria, confirma, está detrás do negocio da xestación por substitución e dun incremento exponencial da reprodución humana baixo demanda. Nos últimos anos Ucraína converteuse no "útero de Europa", grazas, tamén, á prohibición desta práctica en países como India, Tailandia ou Nepal tras numerosas denuncias por trata e explotación de persoas.

O desembolso das familias que deciden comprar un bebé en Ucraína pode chegar aos 40.000 euros ─dos que a nai de aluguer recibe uns 12.000─ mentres nos Estados Unidos abeira os 100.000. Esta diferenza no custo da compravenda tamén axudou a facer do país europeo un dos destinos favoritos das parellas que non poden ter fillos e queren un. Na última década, das case 3.000 crianzas que se inscribiron no Estado nadas de ventres de aluguer, case a metade chegaron de Ucraína.

Desprotección

Desde Materfem denuncian "o branqueo e a romantización" que se está a facer estes días da xestación subrogada, en horario de máxima audiencia e discursos "moi deshumanizantes". "Toda a atención recae nas 'pobres' parellas que non poden ter fillos, como se fose un dereito ter fillos e acudir a mulleres pobres para cumprir o seu desexo".

Sandra Afreijo reclama pór o foco nas mulleres que se ven na obriga de recorrer "á explotación reprodutiva dos seus corpos para maior negocio de empresas como BioTexCom, que se beneficia dunha lexislación que autoriza a actividade comercial desta práctica pero que deixa no limbo as nais que teñen algún problema durante o embarazo ou o parto". A relación córtase en caso de aborto ou calquera imprevisto que afecte á súa saúde ou da crianza. "Se o bebé nace cunha discapacidade e é rexeitada pola familia que a encargou, queda desamparada".

Esta desprotección aumenta en tempos de guerra. "Sabemos de mulleres que foron trasladadas a países veciños para dar a luz, sen pensar no abandono no que deixan a súa propia familia. Moitas teñen fillos que deixan atrás e perden de coidar", porque teñen prioridade os das familias que se laian desde aquí.

Tamén desde a Marcha Mundial das Mulleres censuran "a mercantilización dos corpos das mulleres" e a utilización das mulleres empobrecidas como simples xestantes. "Non é casual que se compren bebés a mulleres pobres en países en crise con lexislacións menos proteccionistas cos dereitos das propias mulleres".