35 Semana Galega de Filosofía

A feminista italiana Silvia Federici falará en Pontevedra

A teórica feminista italiana Silvia Federici.

A edición número 35 da Semana Galega de Fiolosofía de Pontevedra orbitará arredor da idea de “común”. “Recuperemos o común, o colectivo, os lazos que nos unen frente a unha sociedade cada vez máis individualista e invivible”, sinalou a presidenta da Aula de Filosofía da cidade, Ana Regueira, na presentación do programa que se desenvolverá entre o 2 e o 6 de abril.
 

Entre as poñentes máis salientábeis atópase a teórica feminista italiana Silvia Federici (Parma, 1942). A autora do influente Caliban e a bruxa. Mulleres, corpo e acumulación orixinaria (2004) -en que propón unha orixinal e discutida tese sobre as orixes do modo de produción capitalista- abrirá o encontro coa conferencia Mulleres e reconstrución do común na mañá da segunda feira, 2 de abril.

 

“Decidimos crear unha semana en que faláramos desa idea de comunidade e como pensar, debater e reflexionar o común na sociedade actual”, engadiu Regueira, “que vive un proceso de degradación”. A activista lembrou que a Semana Galega de Filosofía cadra este ano co bicentenario do nacemento de Marx e o centenario do filósofo francés marxista Louis Althusser: “Para nós é importante”.

 

Ademais de Federici, o programa inclúe unha homenaxe ao Instituto de Estudos Miñoráns -o seu director, Xosé Lois Vilar, disertará sobre “amar o común”- ou a intervención do político e sindicalista agrario andaluz Juan Manuel Sánchez Gordillo -tamén alcalde de Marinaleda. O economista catalán Daniel Raventós, un dos principais expertos mundiais en renda básica, ou o sociólogo César Rendueles serán algunhas das voces que tratarán sobre “os retos da construción do común na época contemporánea”.

 

As sesións, de mañá e tarde ao longo de toda a semana, serán no Teatro Principal de Pontevedra.