O activismo transfeminista, protagonista da quinta sesión das xornadas de reflexión Noutrén

Protesta feminista
Baixo o epígrafe ‘feminismo transgresor’, a quinta sesión das xornadas Noutrén: feminismo poscolonial, que organiza a agrupación cultural O Galo, contará esta cuarta feira, día 30, coas voces da investigadora Daniela Ferrández, presidenta da asociación Amizando, a activista trans Laura Bugallo, e a docente Cristina Palacios, fundadora da Asociación de Familias de Menores Transexuales Arelas, co-impulsora da Lei Galega de Identidade de Xénero.

A proposta Noutrén: feminismo poscolonial. Decolonializando corpos e territorios, que dirixe Purificación Cabido, ofrecerá esta cuarta feira e o vindeiro día 6 de novembro as últimas dúas sesións teóricas, con espazos dedicados, por unha banda, ao activismo transfeminista e, por outra, á soberanía feminista, coa participación de Iraitz Agirre Aranguren, Ximena González e María Reimóndez como espazo para formular estratexias para esta soberanía.

A programación complétase o sábado 9 de novembro cun roteiro guiado que sairá ás 12 horas da praza 8 de Marzo de Compostela, no que haberá música, poesía e teatro, e que xirará arredor das mulleres e o feminismo desta cidade.