O feminismo galego sae á rúa contra as violencias do patriarcado

Marcha en Compostela, esta sexta feira (Foto: Arxina)
A loita contra as violencias machistas colleu folgos este 25-N nas rúas e prazas da Galiza. Azos para desmontar os prexuízos e os valores tradicionais do patriarcado, para virar o foco sobre os agresores e non sobre as mulleres. As cidades acolleron as manifestacións máis numerosas, pero o día contra a violencia sobre a muller demostrou tamén que o feminismo é forte noutros recunchos do país. 
 

"Querémonos vivas, libres e seguras". A mensaxe da que volveu botar man o feminismo galego para fechar a meirande parte das mobilizacións convocadas no país contra a violencias machista dá conta dunha loita que non cesa contra todas as formas de agresión e maltrato que tronzan a diario a vida das mulleres. "É a nosa obriga seguir sinalando as violencias que nos atravesan a cada unha de nós e que cada día se ven agravadas por un sistema no que non nos poderemos sentir libres nunca".

Outro 25-N a Marcha Mundial das Mulleres liderou perto dunha trintena de mobilizacións ás que se sumaron miles de persoas e ducias de colectivos feministas de todo o país. Baixo o lema 'Se o presente é loita, o futuro será libre' condenaron "o patriarcado criminal" e cada expresión da violencia da que bota man para que "fiquemos amedrentadas, caladas, submisas". Con todo, cada localidade armou a súa propia protesta contra o machismo. Ourense e Ferrol enfocaron as súas proclamas cara a violencia na saúde mental das mulleres. Compostela puxo o foco na violencia psicolóxica. O Porriño, na violencia sexual. Lugo, na violencia xudicial e institucional.

Lalín

A praza da Igrexa de Lalín foi desde as 20.30 horas punto de encontro para veciñanza do Deza e para colectivos locais como Azos Feministas, que este ano escolleu como lema 'O machismo deixa pegada'. "O que nos motiva a estar hoxe aquí é o que vemos cada día, a violencia que se exerce sobre nós", afirma a Nós Diario Belén Taboada.

O machismo hai que combatelo de desde o feminismo

Unha violencia, di, que atopa moitas formas de se manifestar. "E ningunha é máis grave ca outra. Hai que pór o acento en todas as violencias patriarcais, en cada xesto, en cada palabra, en cada situación de explotación, abuso ou agresión que pode anteceder unha morte". O machismo hai que combatelo de desde o feminismo e desde a raíz, conclúe Belén Taboada, "e creo que a base está na educación, é aí onde se teñen que empezar a desdebuxar as pegadas do machismo".

Vilagarcía

Verónica Mazorra conmemorou o 25-N en Vilagarcía, arredor da praza da Galiza. "Como sociedade, temos aínda moito traballo por diante. Por iso estou aquí".

Preocúpame as violencias invisíbeis entre a poboación adolescente, a través do control de móbiles, da forma de vestir, das amizades

Segundo di, hai moita violencia machista aínda invisíbel, "moitas formas que parecen non existir, ben porque se sofren en silencio ben porque se asumen 'normais'. E preocúpame especialmente entre a poboación adolescente, coa que traballo, a través do control de móbiles, da forma de vestir, das amizades, dos horarios, que elas interpretan como unha forma de cariño".

Betanzos

A preocupación polos roles machistas que as xeracións máis novas seguen a reproducir e polos discursos de negación da violencia que reproducen tamén se sentiu na comarca das Mariñas. Lucía Rey é veciña de Betanzos e nai. "Non sei se é por isto que observo con especial atención a mocidade e creo firmemente que a principal panca para acabar coas condutas e as crenzas machistas e mellorar a situación no futuro é a educación dos nosos pequenos e pequenas".

A identificación e visibilización das desigualdades estruturais de xénero ten que ser unha prioridade para evitar que se sigan a fortalecer os valores tradicionais da sociedade patriarcal, di. "As liñas vermellas teñen que estar moi claras. Hai que facer prevención, desmontar prexuízos e pórlle fin aos estereotipos. Non se poden branquear as violencia machistas".

Celanova

Dores García Duarte é membro do Obradoiro Feminista Casardeita que xunta mulleres de Celanova e Ramirás. "Hai moito por facer", asegura. "Os días sinalados o ruído aumenta e axudan a pór o foco en todas as violencias que sufrimos polo feito de ser mulleres, no sistema patriarcal e capitalista que deixa caer sobre nós todo o peso dos coidados, que nos revitimiza e nos fai sentir culpábeis".

Desde o rural temos a obriga de facer pensar a xente, de sinalar que algo pasa, que hai mulleres que non están conformes co trato que se lles dá

 A praza maior de Celanova foi o escenario final dunha xornada de loita contra a violencia que comezou nos centros de ensino e que serviu para reivindicar o papel do rural e das pequenas poboacións fronte o machismo. Desde aquí tamén temos a obriga de facer pensar a xente, de sinalar que algo pasa, que hai mulleres que non están conformes co trato que se lles dá. E sobre todo, que o 25-N non é só este día. Débeno ser todos os días do ano".

Carnota

Desde a Costa da Morte, María José Murcia coincide co sentir das mulleres da Terra de Celanova. "Hoxe e calquera outro día do ano a discriminación e o maltrato á muller é imperdoábel". Segundo di, sobran motivos para a mobilización en prol dos dereitos das mulleres. A súa tivo lugar en Carnota, na praza da Pedra, onde se uniu ao colectivo Sonlilá para recordar as vítimas.

Faltan medios para atender a quen denuncia e a quen non o fai por medo

"Tamén as que non contan para as estatísticas, mulleres asasinadas, violadas, acosadas, maltratadas polo só feito de ser mulleres". Neste sentido censura a parálise das institucións fronte a "opresión e a desigualdade" que sofren as mulleres e a falta de medios "para atender a quen denuncia e a quen aínda non o fai  por medo".

Val Miñor

O nome das vítimas da violencia machista e vicaria tamén se escoitou onte á noitiña no cruce da Ramallosa, no Val Miñor, o punto de encontro da veciñanza de Nigrán, Baiona e Gondomar. "Mentres haxa vítimas e moitas sigan a ser invisíbeis a loita contra a violencia ten que continuar", asegura Beatriz Fernández, do colectivo Área Loura, encargado de encabezar un marcha circular na que se escoitaron berros en prol do feminismo, a coeducación e a liberdade. 

Mentres haxa vítimas e moitas sigan a ser invisíbeis a loita contra a violencia ten que continuar

Chantada

"Por desgraza, e até novo aviso, estamos rodeadas, con mil frontes abertas". Alba Díaz é parte do colectivo Polamiúda de Chantada e onte, "como sempre facemos" saíu ao Cantón, canda a ducias de persoas da comarca.

Cando es muller as violencias multiplícanse e viran sobre cada faceta da nosa vida

"Cada vez somos máis. Creo que porque tamén hai máis conciencia, polo menos polo que se refire á violencia de xénero". O seu traballo, como colectivo, di, vai encamiñado a concienciar a veciñanza sobre "todas as demais violencias que nos tocan, porque cando es muller as violencias multiplícanse e viran sobre cada faceta da nosa vida". Tamén sobre os corpos diversos que centrou o seu mes de novembro. 

Tamén a violencia institucional, que se observa "na falta de recursos e de acompañamento especializada das vítimas".

O feminismo tamén se mobilizou nas redes sociais

Para quen coma Antía Alberte traballa nunha tenda de roupa, o Black Friday ameazou con esvaecer o 25-N. "Non podo estar na rúa pero non me desapego das reivindicacións do movemento feminista". Alberte mudou a praza pública polas redes sociais, onde comparte ilustracións propias e reflexións alleas sobre a orixe e o impacto da violencia física, "máis visíbel", pero tamén da "violencia visual que a industria estética nos impón".

É unha caricatura de min mesma e que me permite crear conciencia a través da crítica ou do humor

"Teño un personaxe [@lachicadelapisa] que é unha caricatura de min mesma e que me permite crear conciencia a través da crítica ou do humor. Todo cómpre para afastar os prexuízos machistas das xeracións máis novas".