O feminismo denuncia "fallos do sistema" de protección ás vítimas de violencia machista

Protesta do feminismo decorrida esta segunda feira en Compostela. (Foto: Arxina)
Vanessa Serén figuraba en "risco medio" malia as 56 intervencións policiais.

A Delegación do Goberno estatal contra a Violencia de Xénero confirmou esta segunda feira o asasinato de Ana Vanessa Serén, o pasado sábado en Oia (Baixo Miño), como un caso de violencia machista. É o segundo crime destas características rexistrado na Galiza no que vai de ano após o feminicidio de Beatriz Lijó no mes de febreiro en Baiona, na comarca de Vigo. 

A vítima mortal de Oia, de 44 anos, foi asasinada ás portas do cámping no que traballaba presuntamente a mans da súa ex parella, Víctor González Domínguez, un garda civil que horas despois de dispararlle suicidouse nun monte próximo ao lugar do crime ao verse acurralado por axentes do Instituto Armado.

O presunto agresor quedou en liberdade no mes de abril após a súa detención por unha denuncia da vítima, que chegou aos tribunais o día 5. Segundo precisaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo acordou a súa posta en liberdade tras escoitar o relato de Ana Vanessa Serén, quen referiu dous episodios de violencia machista. Nese mesmo instante decretou unha orde de protección para a muller e a prohibición para o garda civil, de achegarse a menos de 300 metros e comunicarse coa súa ex parella

O TSXG aclara que en ningún momento estivo previsto un xuízo rápido para sentenciar este caso, "porque a vítima denunciou dous feitos separados" e porque un xuízo destas características require que "todas as probas estean fechadas e os informes necesarios a disposición do xulgado".

O tribunal específico de Vigo inhibiuse en favor do xulgado de instrución número 1 de Tui, encargado dos asuntos de violencia sobre a muller no partido xudicial onde residía a vítima. Foi aí onde incoaron dilixencias e requiriron á muller a documentación precisa, que achegou o pasado 23 de maio e que foi remitida ao Instituto de Medicamento Legal da Galiza ao día seguinte.

Obxectivar a violencia

O feminicidio de Ana Vanessa Serén tivo lugar apenas 10 días despois, cun proceso penal en marcha e unha orde de protección en vigor, baixo seguimento dun Equipo Muller e Menor (Emume) da Garda Civil. En dous meses efectuou 56 intervencións de control, confirmou a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba.

"56 intervencións en dous meses de seguimento dunha orde de protección destas características é un signo de alarma que debe porse en coñecemento da autoridade xudicial", afirma a Nós Diario Paz Filgueira, maxistrada especializada en Igualdade e Violencia. "Estamos ante un caso que implica un axente das forzas de seguridade, co permiso de armas retirado, mais experto no seu manexo, degradado, cunha orde en vigor e que de ser condenado ía quedar sen traballo", destaca Filgueira antes de cuestionar o "risco medio" co que foi cualificada a protección da vítima. 

"Neste momento histórico, cun Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, con todos os protocolos e cursos de formación dispoñíbeis, todos os asasinatos son fallos do sistema", afirma. "Non só xudicial, tamén gobernativo, administrativo, sanitario e social".

Mais cunha orde de protección en vigor, un asasinato como de Oia "é unha responsabilidade directa do Estado", di Paz Filgueira, que ten a obriga de examinar as estatísticas e de valorar como se poden modificar os criterios de risco e o control das ordes para facelos eficaces. Un proceso de revisión que xa comezou, engade, pero que urxe concreción.

Máis de 30 protestas denuncian o feminicidio en Oia

O feminismo galego saíu esta segunda feira á rúa para condenar o asasinato de Ana Vanessa Serén, o machismo e todas as formas de violencia que exerce sobre as mulleres. Tras a condena institucional e os minutos de silencio no Parlamento da Galiza e en múltiples Concellos, a Marcha Mundial das Mulleres liderou mobilizacións en máis dunha trintena de localidades para exixir unha resposta firme do sistema contra a violencia machista.

"O sistema ten que estar por riba de calquera amor romántico, ten que actuar e liderar a protección das vítimas desde as estatísticas actuais, que son moi boas e permiten detallar perfectamente as fases previas dun asasinato machista", salienta a maxistrada Paz Filgueira, quen tamén apunta a necesidade de recursos específicos e propios: equipos forenses e psicosociais ademais de xulgados exclusivos de violencia sobre a muller nas comarcas.