Javier, de 11 anos

O feminismo convoca concentracións contra o último asasinato machista

A Marcha Mundial das Mulleres convoca concentracións en distintos puntos do país esta quinta feira, 11 de maio, baixo o lema “O machismo mata!” polo asasinato de Javier, de 11 anos, a última vítima da violencia de xénero.

A Coruña, Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Ferrol, Pontevedra, Bertamiráns e Noia acollerán esta quinta feira, 11 de maio, concentracións contra o último asasinato machista que tivo lugar na Galiza, o de Javier, de 11 anos, cuxo pai está detido como presunto autor. A Coruña e Oza-Cesuras xa acollerán cadansúa mobilización na mañá da cuarta.

A Marcha Mundial das Mulleres advirte de que o de Oza-Cesuras é un novo asasinato machista e chama a mudar “unha situación insostíbel para as mulleres”. “Non imos gardar minutos de silencio polas vítimas, imos saír á rúa, e farémolo todos os días que fagan falta, esixindo xustiza, loitando pola igualdade e polo respeito”, sinalan fontes da MMM en declaracións a Sermos Galiza.

O movemento feminista advirte de que este último asasinato “non pode ser considerado como un máis dunha longa lista de feminicidios e asasinatos machistas”. “Tras ordes de afastamento e peticións de amparo, a xustiza non separou o agresor do seu fillo”, denuncian as activistas, que advirten da necesidade de non “disfrazar este asasinato como un parricidio”.

Lugares e horas

A Coruña, Obelisco (20h)

Compostela, Praza 8 de Marzo (20h)

Ourense, Castañeira (20h)

Lugo, Concello (20h)

Vigo, Marco (20h)

Ferrol, Concello (20h)

Pontevedra, Audiencia Provincial (20h)

Bertamiráns, Praza A Amaía (20h)

Noia, Concello (20.30h)