Minuto de silencio por Javier, de 11 anos, última vítima da violencia machista

Imaxe: Concello da Coruña

O pai está detido como presunto autor do asasinato do seu propio fillo en Oza-Cesuras. En 2008 fora condenado a non se achegar á súa ex-muller e en 2013 ela denunciouno por ameazas.

A Coruña e Oza-Cesuras acolleron concentracións silenciosas polo neno de 11 anos asasinado polo seu pai este domingo, día no que o rapaz, que vivía coa nai, tiña convivencia con el. O Concello da Coruña inclúe o menor dentro do protocolo de violencia de xénero. A concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, considera que o asasinato de Javier, de 11 anos de idade, é violencia de xénero e considera necesario modificar a lei de Violencia de Xénero para fixar protocolos de protección a menores que estean nstas situacións.

A Defensora del Pueblo vén de solicitar ao goberno español que revise o réxime de visitas dos maltratadores aos seus fillos. O pai e asasino do neno fora condenado en 2008 a non se achegar á súa ex-muller. En 2013 ela presentara unha denuncia contra el por ameazas nas redes sociais.

Segundo fontes próximas á familia citadas en diversos medios, o presunto asasino impedía o seu fillo, cando estaba con el, que se puxese en contacto coa súa nai para alén de falarlle mal dela. 

Concentracións

Esta quinta feira, ás 20:00 horas.

A Coruña, Obelisco.

Compostela, Praza 8 de marzo

Ourense, Castañeira

Pontevedra, Audiencia Provincial

Lugo, diante do Concello

Ferrol, diante do Concello

Bertamiráns (Ames) Praza da Maía

Vigo, Marco (20:30 horas)

Noia, diante do Concello (20:30 horas)