O feminismo sae á rúa para denunciar a violencia machista

Protesta hoxe en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Centos de persoas concentráronse hoxe na Galiza para condenar a violencia machista e o asasinato de Beatriz Lijó. "O machismo mata! Querémonos vivas, libres, iguais e respectadas!", reivindicaron a un tempo en máis de 20 localidades.

Poucas horas despois de pasar a disposición xudicial o autor confeso do crime machista de Baiona, Ángel Rodríguez, ex parella da muller asasinada, o feminismo galego saíu á rúa para condenar o feminicidio de Beatriz Lijó.

Co seu homicidio, na noitiña do pasado día 5, xa son oito o número de mulleres asasinadas por violencia de xénero no Estado español no que vai de ano, 1.190 desde 2003.

En que se están a gastar os recursos de Igualdade, que investimento fai a Xunta en relación á violencia machista?

As últimas cifras de 2022, con 11 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas só no mes decembro, o máis tráxico desde que se teñen datos igualando os rexistros de decembro de 2008, máis as primeiras de 2023, con até tres mulleres asasinadas nunha mesma xornada, apuntan unha vaga de crimes machistas que obriga "a revisar o conxunto de medidas que se puxeron en marcha nas últimos 15 anos porque parece que non están a dar resposta aos problemas que temos". 

Quen chama a revisar en profundidade, "máis aló das penas", todo o marco lexislativo contra a violencia machista é Ximena González, activista da Marcha Mundial das Mulleres. "Que estamos a facer en materia de prevención, de educación, de información; en que se están a gastar os recursos de Igualdade, que investimento fai a Xunta en relación á violencia machista", pregunta.

González asegura que debates como os que se están a dar sobre novas normativas e a revisión do consentimento "non axudan a avanzar nun discurso de combate da violencia machista cuestionando as leis, a necesidade do feminismo, de organizarse e dar resposta".

Asegura que é un momento complicado para a loita contra as violencias machistas, máis pide actuar. "Hoxe mobilizámonos en máis de 20 localidades. E mañá que pasa? Seguramente nada. Que pasou despois dun decembro cheo de asasinatos? Nada diferente. Así é difícil".
Por iso fala de atallar a violencia desde dúas lóxicas, unha estrutural, indo a onde a violencia se xera, a onde está instalada, "desde a educación, a comunicación e os discursos"; e outra máis apegada ao que facemos cando a violencia sucede, "como atendemos as mulleres, como as acompañamos e as protexemos de cara ao futuro".

Pesar no Val Miñor

Ourense, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Compostela, Ferrol, Burela, Cabanas, Moaña, Xinzo, Lalín... Máis dunha vintena de vilas e cidades mobilizáronse hoxe  contra o feminicidio de Beatriz Lijó. Tamén a veciñanza do Val Miñor ─Baiona, Gondomar e Nigrán─ se concentrou na rotonda da Ramallosa convocada polo Comando Ghichas e a asociación feminista Area Loura.

Temos que facer un cambio total e virar a cultura patriarcal para que o machismo non funcione

"Non hai reparación posíbel nin consolo", concluíron tras  ler o nome de todas as vítimas da violencia machista desde o pasado 25-N. "Estamos aquí para facer visíbel que o machismo fire e mata e para manifestar a nosa repulsa, tristura e indignación. Temos que facer un cambio total e virar a cultura patriarcal para que o machismo non funcione, non teña cabida nin prebendas. É responsabilidade de toda a sociedade traballar desde a empatía, a autoestima e a igualdade".