Reivindican a memoria do Pazo de Meirás

O feminismo acusa Feixoo de "branquear o franquismo" co 8-M

Ximena González, Helena Miguélez e Margarida Corral, activistas que se sumaron á campaña. (Foto: Nós Diario)
Os colectivos feministas reaccionan ante a manobra de Feixoo de traer as Medallas Emilia Pardo Bazán ao Pazo de Meirás o vindeiro 8M.

“Hai tempo que vimos observando os movementos da Xunta en relación a utilizar Emilia Pardo Bazán, vinculada ademais co movemento feminista, para ter a escusa para non dar ao Pazo de Meirás a importancia que ten respecto da memoria histórica”.

Conta a activista feminista Ximena González sobre a posta en marcha, esta cuarta feira, da campaña “O feminismo non branquea o fascismo”, que se propaga con vigor polas redes sociais.

Unha campaña cuxos detonantes foron a proposta da Xunta, o pasado 28 de febreiro, de facer entrega no Pazo de Meirás das Medallas Pardo Bazán, que tradicionalmente se entregan o 16 de setembro, e mais a presenza do presidente Alberto Núñez Feixoo na presentación de Movendo os marcos do patriarcado, obra das investigadoras Marilar Aleixandre e María López Sández arredor do carácter feminista de Emilia Pardo Bazán.

A través dos cancelos #UsosdeMeiras e #FeijooFeministo, as activistas galegas denuncian cos seus chíos “a intención” da Xunta de empregar o 8-M e a figura de Pardo Bazán para “branquear o franquismo”.

Unha estratexia que agocha a intención, explica Ximena González, “de sepultar todo o que ten que ver co franquismo, cos 40 anos do pazo en mans dos herdeiros do ditador” e, xunto a iso, “dun día para outro vinculan Pardo Bazán e utilizan o feminismo porque é un movemento social que está en auxe, que dalgunha maneira é un acordo social hoxe”.

Na presentación de Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán, nesta cuarta feira en Vigo, o presidente da Xunta falou do feminismo da autora de Los pazos de Ulloa como “encontro e non trincheira”. Núñez Feixoo afirmou que, xunto a Rosalía de Castro e a Concepción Arenal, representaba a “vangarda feminista”.

“Relacionar Emilia Pardo Bazán co feminismo é algo cando menos cuestionábel e por parte do feminismo anticapitalista, de base e popular, ela non é unha figura que teñamos como referente”, aclara Ximena González. "Pode haber unha parte referida a certo grao de emancipación, pero desde logo non está ligada ao feminismo de clase e, desde unha perspectiva galega, era reaccionaria respecto aos dereitos dos pobos, a diversidade lingüística...".

A feminista engade que coa súa participación na presentación do libro, Feixoo “tenta vincularse co feminismo, con Pardo Bazán, co 8-M... e pareceunos unha utilización retorcida da loita feminista e decidimos lanzar esta primeira acción para facer visíbel que non todas estamos de acordo con apoiar eses discursos”. Unha acción que pode virar proximamente en palestras de análise sobre a figura de Pardo Bazán.

Usos do Pazo de Meirás

Desde o activismo feminista, Ximena González defende que "o pazo ten que estar vencellado á memoria histórica si ou si, ten que ter relación coa denuncia do que supuxo o franquismo, a ditadura e o proceso de espolio do pobo galego".

Unha cuestión que atinxe a loita feminista porque "o feminismo non está para contribuír ao branqueamento dos discursos fascistas nin para ser utilizado para sepultar outras loitas", senón que, "moitas de nós tamén defendemos que o feminismo é unha loita popular contra todo tipo de opresión e tamén é unha loita antifascista. 

Nesta liña, González asegura que lles parece "importante posicionarnos e non mirar cara a outro lado".