Unha felicitación de Aninovo da veciñanza de Muras faise viral

Veciñas e veciños deste concello do interior da Galiza falan das bondades de vivir no rural nun vídeo para o Nadal. O proxecto audiovisual, que tamén é unha sorte de promoción turística, vén de convertirse en viral.

O Concello de Muras deu no cravo á hora de promocionarse nada máis comezar 2021. Cunha sinxela felicitación de Aninovo, na que participan moitas veciñas e veciños, este municipio do interior galego vai camiño de ser coñecido mesmo fóra do país.

Desde que se publicou nas redes sociais, o proxecto audiovisual para este Nadal foi visto miles de veces e mesmo compartido a través de distintas plataformas, como o Whatsapp. Así, miles de cidadáns tiveron a oportunidade de descubrir un pouco máis o que é vivir no medio rural.

A protagonista do anuncio, a poboación de Muras, explica que alí na pandemia todas e todos estiveron unidos, pero non só porque esa situación fixera que se coñeceran senón porque xa eran unha comunidade unida. Igualmente, xente de todas as idades conta que alí o mundo non parou porque hai que saír a coidar do gando a diario.

Cunha sucesión de xente ás portas das casas (ou dentro delas) e nos camiños reflexionan sobre a distancia social. Así, a Administración local aproveita para situar algunhas protagonistas en paisaxes da vila xogando coa idea de que non hai problema para "perderse" porque é un dos concellos da Galiza que foi perdendo máis poboación.

De feito, para as e os amantes da astronomía, Muras non era un descoñecido até estes días. A zona xa é un recurso turístico no que gozar dos ceos estrelados galegos porque a marcha da poboación reduciu a contaminación lumínica e, en consecuencia, deixou ao descuberto un mar de estrelas e constelacións.

Mais agora a campaña turística está feita, case sen querer, para todos os públicos. Anima a visitar o pobo porque nin sequera hai problemas para falar gardando as normas de seguridade, porque en Muras xa están acostumadas a facelo. Así, propoñen imaxes típicas do rural con xente falando de lonxe nas pequenas estradas secundarias.

O vídeo coral é unha emotiva chamada á esperanza pero tamén á vida sinxela e en comunidade.