Feixoo pide a Sánchez que nos paseos das crianzas poidan saír os dous proxenitores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, durante a décima videoconferencia do estado de alarma (Xunta)

No plano económico, o presidente galego sinalou que cumpría fechar "este mesmo mes" os criterios para o reparto do fondo non reembolsábel de 16.000 millóns de euros para as comunidades.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, pediu ao presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, que nas saídas das crianzas para pasear ou xogar poidan participar ambos os dous proxenitores en lugar dun só.

Foi a solicitude que o mandatario galego lle fixo neste domingo, 17 de maio, chegar durante a décima videoconferencia con Sánchez e co resto de líderes autonómicos, unha cita xa habitual dos domingos para abordar a crise da pandemia do coronavirus.

Durante a xuntanza, Feixoo tamén reclamou, segundo informan fontes da Xunta, un "criterio único" en materia de educación e servizos sociais para as próximas semanas de desconfinamento, mentres que insistiu en que o Estado "coordine" coas autonomías o ingreso mínimo vital.

No plano económico, o presidente galego sinalou que cumpría fechar "este mesmo mes" os criterios para o reparto do fondo non reembolsábel de 16.000 millóns de euros para as comunidades.

"Agradecemento" de Feixoo

De igual modo, aseguran as mesmas fontes, Feixoo agradeceu ao Goberno do Estado "que tivese en conta as peticións da Galiza" para aclarar a política das rebaixas ─finalmente permitidas a partir da segunda feira, 18 de maio, se non xeran aglomeracións─, para permitir a caza e a pesca deportivas e abrir estabelecementos de máis de 400 metros cadrados, aínda que limitando a superficie a este máximo.